A Festa da Fala reunirá tradición, música e cultura popular en Guitiriz o 17 de maio

TerraChaXa
As actividades comezarán ás 10.00 horas cunha andaina libre pola Ruta da Auga, con saída desde o Campo da Feira
festa-da-fala-san-alberte
10 May 2026

A asociación Xermolos organiza o vindeiro 17 de maio unha nova edición da Romaría do San Alberte e Festa da Fala, unha xornada festiva que combinará natureza, tradición, música e homenaxes culturais nun dos espazos máis emblemáticos de Guitiriz.

As actividades comezarán ás 10.00 horas cunha andaina libre pola Ruta da Auga, con saída desde o Campo da Feira de Guitiriz. Durante a mañá tamén haberá mostra de artesanía e misas no entorno da área de San Alberte.

A programación continuará a partir das 13.00 horas cunha misa e procesión a cargo dos máis miúdos de Xermolos. A continuación celebrarase unha homenaxe á Cega de Miranda, conducida por Xosé Luís Rivas Cruz Mini, nun acto centrado na recuperación da memoria e da tradición oral galega.

A sesión vermú contará con música e cunha degustación de liscos e chourizos de balde para as persoas asistentes. Pola tarde sucederanse as actuacións musicais dos grupos Caivanca, Xermolos e Noxo Me Das.

A xornada rematará cunha foliada aberta, convidando á participación popular arredor da música e do baile tradicional galego.

A iniciativa conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ademais de entidades e colectivos locais como Bar Porto, CCMM Sambreixo, o Concello de Guitiriz e Protección Civil.

0.12166595458984