A Festa da Torta de Millo regresa este domingo a Guitiriz

GaliciaXa | TerraChaXa
A programación dará comezo ás 11:00 horas coa apertura da mostra de artesanía e dos postos de venda e degustación
presentacion-torta-de-millo-guitiriz
6 Jun 2026

O Concello de Guitiriz celebra a IX edición da Festa da Torta de Millo o domingo 7 de xuño na Praza do Campo da Feira cunha intensa programación organizada polo Concello coa colaboración da Deputación.

A programación dará comezo ás 11:00 horas coa apertura da mostra de artesanía e dos postos de venda e degustación da Torta de Millo, nos que participarán dúas das panaderías tradicionais da vila: La Esquina e Panadería David. Os postos permanecerán abertos ata as 13:30 horas e retomarán a actividade pola tarde, entre as 17:00 e as 19:30 horas.

Os distintos postos de artesanía estarán distribuídos arredor da praza seguindo o modelo de edicións anteriores e acollerán xoiería, téxtil, traballos en ferro e madeira, cestería, impresión 3D, cantería e outros produtos artesáns.

Entre as actuacións da mañá destaca o concerto da Escola de Música do Concello, coa participación da Banda Municipal e do Grupo de Gaitas, de 11:00 a 12:00 horas. Como incorporación de última hora, haberá un showcooking a cargo do premiado Antón Castro entre as 12.00 e as 12.30 horas.

A continuación, actuará Sheila Patricia, e xa pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase a mostra de xogos tradicionais e populares da man da asociación O Cadaval, nun formato semellante ao de edicións anteriores.

Ás 17:45 horas será a quenda de Airiños de Orbazai, asociación cultural sen ánimo de lucro que traballa na difusión e posta en valor da cultura popular galega. O grupo ofrecerá un espectáculo colectivo con arredor de 40 persoas sobre o escenario e unha ampla diversidade instrumental. Esta actuación será posible grazas ao programa Tradigalu.

A programación musical pecharase ás 20:45 horas coa actuación de Caamaño & Ameixeiras, dúo formado por acordeón cromático, violín e voz, cunha proposta ligada á música e ao baile de raíz e cunha destacada traxectoria tanto a nivel nacional como internacional.

Ao longo de toda a xornada haberá tamén diferentes actividades entre a que destaca a presenza dunha foodtruck con servizo de comida durante todo o día, así como aseos públicos para as persoas asistentes.

Durante a mañá poderá visitarse a exposición dos textos participantes na actividade ‘Tes un conto’. Ademais, coas compras de Torta de Millo agasallarase un marcapáxinas e poderá verse unha exposición de cartelería sobre a Torta de Millo.

0.10372114181519