A Festa da Xuventude de Begonte transfórmase no Befest, que se celebrará o 16 de maio

TerraChaXa
Entre as propostas programadas inclúense competicións como o IV Open de futbolín e un campionato de tute, así como actividades deportivas e lúdicas
festa-da-xuventude-de-begonte-befest
22 Apr 2026

O Concello de Begonte anunciou a evolución da tradicional Festa da Xuventude cara a un formato reforzado baixo o nome de Befest, que terá lugar o vindeiro 16 de maio no Club Fluvial de Begonte.

A proposta busca ampliar a oferta de lecer e participación, mantendo o espírito festivo pero incorporando unha programación máis diversa e pensada para todos os públicos. A xornada comezará ao mediodía cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Venus, dando paso a unha ampla variedade de actividades dirixidas tanto á infancia como ás persoas adultas.

Entre as propostas programadas inclúense competicións como o IV Open de futbolín, organizado en colaboración coa Peña Futbolín Bola Meiga, e un campionato de tute, así como actividades deportivas e lúdicas, entre elas unha festa do baloncesto coa participación de Máximus, a mascota do CB Breogán. Tamén haberá unha xornada de billarda, xogos populares, inchables gratuítos e actividades de sensibilización promovidas polo servizo de prevención de condutas adictivas.

A programación completarase cun concerto de música tradicional a cargo da Escola Municipal de Música de Begonte e cunha sesión de tardeo coa discoteca móbil Hermo. Ademais, durante a xornada realizarase o sorteo de varios packs sorpresa entre as persoas asistentes.

Xa pola noite, o evento contará cunha cea popular que incluirá bebida, empanada, churrasco e chourizo, seguida dunha gran verbena amenizada pola New York Orquestra, Hermo Discoteca e polos DJs Casanova e Ello.

O Concello tamén puxo á venda un pack especial Befest 2026 por un prezo de 15 euros, que inclúe cea, camiseta, bolsa e pulseira do evento. Estes packs poderán adquirirse a partir deste xoves, 23 de abril, nas dependencias municipais.

Con esta transformación, o Concello de Begonte aposta por revitalizar unha das súas citas festivas máis coñecidas, adaptándoa a novos formatos e reforzando o seu carácter participativo e interxeracional.

befest
0.11747884750366