A Festa da Xuventude e o IV Torneo de Pádel reúnen centos de persoas en Pastoriza

TerraChaXa
Desde a organización destacaron a importancia do traballo conxunto entre as asociacións locais e o Concello para facer posible actividades deste tipo
torneo-padel-pastoriza
15 Jun 2026

Pastoriza viviu esta fin de semana unha intensa programación de lecer e deporte coa celebración da segunda edición da Festa da Xuventude e do IV Torneo de Pádel, dúas iniciativas impulsadas grazas á colaboración entre o Concello de Pastoriza, a Asociación Cultural e Deportiva Miño Vivo e ASAPA, que volveron converter o municipio nun punto de encontro para a veciñanza.

A Festa da Xuventude reuniu preto de 230 persoas nunha cea popular que serviu como punto central dunha celebración creada a petición da mocidade do concello. A iniciativa, que alcanzou a súa segunda edición, naceu coa vontade de ofrecer un espazo de encontro para a xente nova e consolidarse como unha cita estable dentro do calendario festivo local.

A programación contou coa verbena amenizada polo Grupo Los Key e polo DJ Billy, nun ambiente festivo que se prolongou ata altas horas da madrugada e que contou cunha ampla participación veciñal.

De maneira paralela desenvolveuse o IV Torneo de Pádel de Pastoriza, organizado pola Asociación Cultural Miño Vivo en colaboración co Concello. A competición reuniu durante toda a fin de semana a 24 parellas participantes, que disputaron numerosos encontros nun torneo que segue medrando edición tras edición.

O alcalde, Darío Cabaneiro, participou no acto de entrega de premios e clausura do campionato, felicitando ás persoas participantes e á organización polo éxito dunha nova edición.

No apartado deportivo, Sandra e Mariluz proclamáronse campioas na categoría de Iniciación Feminina, mentres que Susana e Andrea finalizaron na segunda posición. En Iniciación Masculina, o triunfo foi para Beltrán e Iker, seguidos por Rubén e Óscar.

Na categoría feminina absoluta, a vitoria correspondeu a Mery e Neli, sendo Sara e Aroa as subcampioas. Pola súa banda, na categoría masculina, Diego e Martín alzáronse co primeiro posto, mentres que Verdejo e Hugo remataron como segundos clasificados.

Desde a organización destacaron a importancia do traballo conxunto entre as asociacións locais e o Concello para facer posible actividades deste tipo, que contribúen a dinamizar a vida social, cultural e deportiva do municipio e a manter vivo o rural a través da participación da veciñanza.

0.13328099250793