A Festa ó Emigrante celebrará a súa XLI edición o 24 de agosto

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A xornada festiva rematará coa gran verbena, prevista para as 23.00 horas, que contará coa actuación das orquestras Stereo e Triunfo
festa-do-emigrante-pol
8 Aug 2026

A Carballeira de Mosteiro acollerá o luns 24 de agosto de 2026 a XLI edición da Festa ó Emigrante do Concello de Pol, unha das citas máis tradicionais do calendario festivo do municipio, que volverá reunir veciñanza, emigrantes e visitantes nunha xornada de convivencia con actos relixiosos, institucionais, musicais e de lecer.

O programa dará comezo ás 13.00 horas cunha misa solemne na Carballeira de Mosteiro. Media hora máis tarde celebrarase o pregón, que nesta edición correrá a cargo de Manuel Abraira Fernández, un polense emigrado da México.

Ás 14.00 horas terá lugar o descubrimento da placa conmemorativa do XL aniversario da Festa ó Emigrante, un acto que servirá para lembrar as catro décadas desta celebración. A continuación, ás 14.15 horas, desenvolverase a sesión vermú, amenizada polo grupo Stereo.

A programación continuará ás 15.00 horas co tradicional xantar popular na Carballeira de Mosteiro, un dos momentos de maior participación da festa. Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, os máis pequenos poderán desfrutar de xogos infantís, tradicionais e creativos organizados por Vincolea.

A xornada festiva rematará coa gran verbena, prevista para as 23.00 horas, que contará coa actuación das orquestras Stereo e Triunfo.

A XLI Festa ó Emigrante está organizada polo Concello de Pol, coa colaboración dos Empresarios de Pol e da Deputación de Lugo, mantendo unha celebración que rende homenaxe aos veciños e veciñas que tiveron que emigrar e que cada verán regresan ao municipio para compartir esta cita tan sinalada.

0.14542889595032