“A FP é formación de calidade con alta inserción laboral”

O IES Lois Peña Novo é un centro de referencia. Cóntenos un pouco que ofrecen ao seu alumando.
O noso centro medra ano a ano favorecendo o arraigo e a fixación poboacional na nosa comarca ademais de dotar de impulso ao tecido empresarial. Temos unha ampla oferta educativa que ofrece continuidade académica ou posibilidade de inserción laboral ao noso alumnado titulado.
Cal é a súa oferta educativa para persoas adultas?
O IES Lois Peña Novo ofrece Formación Profesional, ademais de Ensinanzas para persoas adultas e formación específica para a preparación das probas da EOI. A Educación Secundaria para Persoas Adultas (ESPA), coa que se pode obter o título de Graduado en ESO nun só curso académico, temos probas de acceso para as persoas que levan moito tempo sen estudar ou que non posúen acreditación académica. Ademais tamén dispoñemos de Bacharelato semipresencial (tardes), impartíndose unha sesión semanal por materia e unha titoría quincenal. Tamén ofrecemos formación en Castelán e Galego para persoas inmigrantes, altamente demandada e moi necesaria. O Cuale é un programa orientado á preparación das probas para a obtención dos certificados dos niveis B1 e B2 da EOI para alumnado de Bacharelato e de FP, non é específica de adultos.

O seu punto forte é a FP, que oferta formativa teñen?
Nos últimos anos a cifra de matriculados duplicouse. A FP é considerada unha vía formativa de calidade con elevada capacidade de resposta para o sector produtivo. Na nosa oferta temos o Grao Básico en 2 especialidades, de Mantemento de vehículos e de Informática de oficina. Poden acceder persoas propostas de 2º ESO ou alumnado de 3º ESO que teña dificultades para titular por vía ordinaria, ademais de persoas de 16 a 20 anos sen Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria. En Ciclo medio contamos con 4 ciclos FP que poden cursarse de forma simultánea con Bacharelato semipresencial. Todos os ciclos teñen posibilidade de inserción laboral do 100% ou continuidade académica. O mesmo que sucede nos ciclos de grao superior.
Que diferenza hai entre réxime dual xeral e réxime dual intensivo?
Dende a entrada en vigor da nova lei de FP, todos os ciclos son considerados duais porque comparten formación entre centro educativo e empresa ademais de cotizar na seguridade social. Os Ciclos de réxime dual intensiva teñen unha estadía maior en empresa, reciben unha formación adecuada ás necesidades específicas da empresa acolledora e, ademais de cotizar, perciben, como mínimo, a metade do salario mínimo mensual.
Cal é o seu selo distintivo?
Estamos orgullosos de poder afirmar que o noso centro ofrecemos unha atención individualizada, intentamos coñecer ao noso alumnado e ás familias para poder ofrecerlles a mellor resposta educativa nun marco profesionalizador. Ademais, o alumnado dispón de recursos e equipamentos adecuados para desenvolver un proceso de aprendizaxe significativo con prácticas profesionalizadoras. Por outra banda, o emprendemento é unha prioridade, dotando ao alumnado de oportunidades e experiencias que enriquezan as súas competencias emprendedoras, tanto no eido persoal como profesional. Finalmente, un dos nosos obxectivos é favorecer que o alumnado consolide a súa residencia na comarca, ofrecéndolle unha formación adecuada ás súas inquedanzas así como ás demandas do tecido empresarial.
Canto alumando teñen?
Entre todas as ensinanzas ofertadas no centro chegamos aos 400 alumnos/as e 42 docentes.
Reciben tamén moito alumnado de fóra de Vilalba imaxino.
A Terra Chá é unha comarca acolledora que sempre recoñece a valía de todas as persoas, e o IES Lois Peña Novo potencia ese valor apoiándoos no seu proxecto de vida. Nos últimos anos a porcentaxe de alumnado de orixe estranxeiro foi en aumento, nutrindo a comunidade educativa de riqueza.
Hai algún ciclo novo este ano?
Para o novo curso teremos o Ciclo Superior de Asistencia á Dirección en dual intensiva, ofrece a posibilidade dunha dobre titulación superior en 3 cursos combinada co Ciclo Superior de Administración e Finanzas.
Fálase moito de absentismo ultimamente. Que medidas se poden tomar contra el?
Dende o noso centro intentamos facer seguimento do noso alumnado. Cando se producen faltas frecuentes intentamos contactar con eles e as familias e apoialas na resolución da problemática. Cremos que a coordinación coas familias do alumnado é fundamental.

OFERTA EDUCATIVA
CICLO BÁSICO
- Mantemento de vehículos
- Informática de oficina
CICLO MEDIO
- Instalacións eléctricas e automáticas
- Sistemas Microinformáticos e redes
- Atención a persoas en situación de dependencia
- Electromecánica de vehículos automóbiles
CICLO SUPERIOR
- Administración de sistemas informáticos en rede
- Administración e finanzas
- Asistencia á dirección. Dobre titulación (dual intensivo)
- Mecatrónica industrial (dual intensivo)
OUTROS
- Secundaria Adultos
- Bacharelato Semipresencial
- Castelán e galego para migrantes