A Fundación Ciuden destacan a boa acollida dos programas de Transición Xusta

TerraChaXa
Participaron preto de 20.000 persoas dos concellos afectados da zona de As Pontes e Meirama
reunion-delegado-pedro-blanco-transicion-xusta
19 Nov 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mantivo este martes unha reunión de traballo coa directora da Fundación Ciudad de la Energía (Ciuden), Yasodhara López, na que tamén estiveron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a responsable do Instituto de Transición Xusta en Galicia, Nuria Álvarez, na que analizaron os proxectos en marcha nas zonas afectadas polo feche das centras térmicas de Meirama (Cerceda) e As Pontes.

O delegado e a directora da fundación aproveitaron a xuntanza para destacar a boa acollida do programa Dinamiz-ARTj, un programa do Instituto para a Transición Xusta (ITJ) que xestiona a Fundación Ciuden que contou con 19.418 espectadores nos eventos organizados en Galicia na súa primeira edición, ao tempo que animaron a participar nos actos programados nesta segunda edición, que inclúe máis dun cento de actuacións na comunidade ata o 31 de marzo de 2025 repartidas entre as provincias da Coruña e Lugo.

En concreto, están programadas máis de 85 actuacións nos 15 concellos das zonas de transición xusta da provincia da Coruña (A Capela, As Somozas, As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Carral, Cerceda, Cerdido, Laracha, Mañón, Moeche, Monfero, Ordes, Ortigueira, San Sadurniño e Tordoia) e case 20 nos 3 concellos da provincia de Lugo (Muras, Vilalba e Xermade). As actuacións desenvolveranse en espazos e instalacións municipais de cada localidade e a asistencia é de balde.

“Trátase de promover a actividade cultural nas zonas de transición xusta, favorecer as visitas a estes municipios e contribuír ao enriquecemento da súa oferta turística en zonas de alto valor paisaxístico e ambiental”, indicou o delegado, que apuntou que outros dos obxectivos do mesmo son poñer en valor espazos escénicos e bens patrimoniais de carácter mineiro-industrial e fomentar a procura do talento local entre os artistas nestas zonas.

Outros programas

Ademais de Dinamiz-ARTj, Ciuden impulsou en Galicia a creación e posta en marcha de comunidades enerxéticas a través de TransenerCyL Ciuden, a oficina de transformación comunitaria que xestiona. En concreto, deu apoio ás 6 comunidades enerxéticas dos montes de Arnuide (Ourense), constituídas na modalidade de sociedade limitada sen ánimo de lucro e cunha potencia individual instalada prevista de 5 MW.

No ámbito da investigación, a Fundación Ciuden colabora con Jorge Lorenzo, do Instituto Español de Oceanografía na Coruña, nun proxecto de reprodución de fentos arborescentes. Os exemplares producidos destínanse ao espazo ‘Lume Verde’ no centro cultural A Térmica Cultural en Ponferrada. Tamén está interesada na colaboración no cultivo de Culcita macrocarpa, unha especie que figura no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, na categoría de ‘en perigo de extinción’ pola eliminación do bosque no fondo de barrancos e ribeiras fluviais e a introdución de cultivos forestais.

Ademais, a Fundación Ciuden coordina o proxecto de turismo mineiro-industrial do carbón, que vén de obter unha axuda de 682.500 euros do Plan de Recuperación do programa Experiencias de Turismo España 2023 do Ministerio de Industria. O Concello das Pontes, ao que lle corresponden 88.200 euros, é unha das entidades que participa no mesmo, no que tamén están as deputacións de Córdoba, León e Teruel e a empresa Hunosa. O proxecto busca promover e poñer en valor o patrimonio mineiro-industrial asociado ao carbón das zonas de transición xusta de modo que, a partir do mesmo, xurdan experiencias turísticas innovadoras e sostibles.

0.17152881622314