A Fundación Juana de Vega reparte os premios do sector agroalimentario en Arzúa, Vilalba e Cervo

GaliciaXa | TerraChaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
Lácteos As Mellas e a granxa O Bico do Río foron as principais gañadoras e houbo un accésit para Marmeladas A Morena, iniciativa de Cristina Rodríguez Eijo
premios-juana-de-vega-oleiros
26 Nov 2026

A Fundación Juana de Vega acolleu este mércores o Demoday 2026, a xornada final do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, na que se presentaron os doce proxectos beneficiarios da súa décimo cuarta edición. Entre as iniciativas recoñecidas destacan Lácteos As Mellas, de Arzúa, e a granxa rexenerativa O Bico do Río, situada en Vilalba.

O encontro reuniu na sede da fundación, en Oleiros, persoas emprendedoras de distintos puntos de Galicia, que presentaron os seus proxectos ante potenciais clientes, provedores, financiadores e representantes de entidades vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento rural.

O IV Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario recaeu en Lácteos As Mellas, promovido por Sandra Mella Ríos en Arzúa. O xurado considerou que se trata do proxecto máis completo da modalidade de Emprendemento e destacou a proposta de diversificar a actividade da granxa familiar mediante a elaboración de queixos, incorporando valor engadido á produción propia de leite.

A promotora, vinculada á explotación desde os 17 anos, busca diferenciarse nun mercado amplo a través dunha proposta que permita revalorizar a produción láctea. O premio inclúe 30 horas de asesoramento adicional para impulsar o desenvolvemento da iniciativa nesta fase inicial.

O xurado concedeu tamén un accésit a Marmeladas A Morena, iniciativa de Cristina Rodríguez Eijo, situada en Cervo. A proposta destacou pola súa singularidade e innovación, así como por contar xa cun produto validado no mercado. Tamén se valoraron a motivación da promotora, a coherencia do plan de crecemento e a viabilidade das necesidades de financiamento.

O Bico do Río, un modelo de granxa rexenerativa en Vilalba

Como novidade nesta edición, entregouse o Premio Sodexo Impulso Transformador a O Bico do Río, unha granxa rexenerativa promovida polo australiano Cian Francis Brazil en Vilalba xunto coa súa parella.

O xurado destacou o seu enfoque de desenvolvemento rural integral e multifuncional, baseado na sustentabilidade, na integración comunitaria e na construción dun proxecto de vida no rural. A iniciativa demostra a viabilidade de desenvolver unha actividade agraria e vivir dela.

A granxa aposta pola cría en liberdade e en pastos abertos de galiñas, porco celta e ovella galega. A venda de ovos constitúe actualmente a súa principal fonte de ingresos, aínda que tamén conta con posibilidades de crecemento na comercialización de carne.

O premio recoñece a súa contribución ao consumo de proximidade, ao aproveitamento dos recursos locais e ao asentamento de poboación no rural. A distinción nace da colaboración entre Sodexo e a Fundación Juana de Vega para impulsar os produtores e empresas locais, favorecer as canles curtas de comercialización e promover unha maior presenza dos alimentos de proximidade nos circuítos de consumo.

Doce proxectos para impulsar o futuro do rural galego

Ao longo da mañá, as doce persoas promotoras presentaron as súas iniciativas, seis na modalidade de Emprendemento e outras seis na de Crecemento e Consolidación.

As propostas abranguen diferentes ámbitos da cadea agroalimentaria, desde a elaboración de produtos lácteos con valor engadido, marmeladas, xeados, chocolates bean to bar, viño e licor café, ata a cosmética a partir de plantas medicinais, a transformación da castaña, a cría de capóns, unha granxa rexenerativa e unha consultoría tecnolóxica para o agro.

Esta edición destaca tamén pola diversidade das traxectorias persoais e profesionais das persoas participantes. Entre elas hai exemplos de remuda xeracional e continuidade de negocios familiares, proxectos que buscan diversificar e revalorizar actividades produtivas existentes e novas iniciativas impulsadas por persoas que regresaron a Galicia tras formarse ou desenvolver a súa carreira profesional fóra.

O acto contou coa intervención de Daniel Lois, director de Responsabilidade Social Corporativa e Sustentabilidade de Sodexo, quen destacou o papel das persoas emprendedoras como motor de innovación no territorio e animou os participantes a manter a ilusión e adaptarse aos retos do camiño.

A xornada foi clausurada por Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, que salientou a importancia de escoitar e aprender das persoas que impulsan proxectos no rural.

Aberta a inscrición para a edición de 2027

O Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias é unha iniciativa que a Fundación Juana de Vega desenvolve con fondos propios desde 2012 para acompañar persoas emprendedoras e empresas que crean riqueza no rural.

A inscrición para a edición de 2027 permanecerá aberta ata o martes 8 de decembro na web programadeapoyo.juanadevega.org.

Durante un ano, ata doce emprendedores e empresas do rural galego reciben formación e mentorización gratuíta para implantar as súas ideas de negocio, así como apoio técnico para abordar proxectos de innovación, mellora, expansión ou sucesión de empresas familiares.

Os sectores destinatarios inclúen o agroalimentario, forestal, bioeconomía, marisqueiro e pesqueiro, así como proxectos de base tecnolóxica e servizos de apoio a estas actividades.

Nesta edición tamén se incorpora un itinerario territorial específico para varios concellos ourensáns, entre eles A Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós, así como a súa contorna.

0.15707802772522