A Fundación RIA únese ao chamamento para frear a demolición das torres da central das Pontes

GaliciaXa | TerraChaXa
A entidade trasladou o seu respaldo a través dunha carta remitida á asociación, na que solicita que a demolición non se execute ata que se leve a cabo unha avaliación patrimonial
caravana-endesa-1
28 Jul 2026

A Fundación RIA, presidida polo arquitecto David Chipperfield, premio Pritzker de Arquitectura en 2023, expresou o seu apoio ás reivindicacións da Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes para paralizar cautelarmente a demolición das torres de refrixeración da antiga central térmica, prevista para o xoves 30 de xullo.

A entidade trasladou o seu respaldo a través dunha carta remitida á asociación, na que solicita que a demolición non se execute ata que se leve a cabo unha avaliación patrimonial do complexo industrial e se elabore un plan director que defina os criterios para a súa conservación, mantemento e posible desenvolvemento futuro.

Na misiva, a Fundación RIA considera que "ningún elemento de valor patrimonial debería ser derrubado sen que antes se realice unha avaliación técnica rigorosa que identifique o que constitúe patrimonio industrial dentro do complexo". Segundo sinala, actuar sen esa análise previa supón "un risco irreversible para un legado que non se pode recuperar".

O apoio da fundación súmase ao doutras catorce institucións especializadas na defensa e estudo do patrimonio industrial e arquitectónico, entre elas ICOMOS España, TICCIH España, Fundación DOCOMOMO Ibérico, Hispania Nostra e INCUNA. Tamén respaldan esta petición a Sociedade de Estudos da Historia da Enxeñaría, o Colexio Oficial de Doutores e Licenciados de Galicia, o Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, o proxecto de investigación 3DLAND, a Aula de Patrimonio da Universidade Politécnica de Madrid, APATRIGAL, BUXA, AMCTAIC e o Centro de Estudos do Alfoz de Gauzón.

A este respaldo institucional engádese o de case corenta científicos, técnicos e investigadores de recoñecido prestixio, entre os que figuran nove catedráticos, vinte e un doutores e especialistas pertencentes a dez universidades de sete comunidades autónomas. Os asinantes proceden de ámbitos como a arquitectura, o urbanismo, a xeografía, a ordenación do territorio, a historia, a historia da arte, as enxeñarías civil, industrial e de minas, as humanidades, as ciencias, a economía e o turismo.

Segundo destaca a Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes, todas estas entidades e expertos coinciden en sinalar, mediante comunicados ou informes técnicos independentes, o potencial valor patrimonial do conxunto industrial e a necesidade de realizar unha avaliación previa antes de adoptar unha decisión irreversible como a súa demolición.

A asociación asegura que conseguiu reunir este amplo respaldo científico e técnico con recursos limitados e fai un chamamento a que máis profesionais e investigadores se sumen á iniciativa mediante comunicados públicos ou cartas de apoio que reforcen a petición de suspensión cautelar.

Desde o colectivo confían en que este crecente consenso entre especialistas sexa tido en conta polas administracións antes da data fixada para a demolición das torres de refrixeración da antiga central térmica das Pontes.

0.12448406219482