A Garda Civil fai unha demostración a alumnos de Begonte e Guitiriz
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou en Baamonde na última gran exhibición que realiza a Garda Civil neste curso académico en centros escolares da provincia. A demostración dos medios e funcionamento das distintas unidades da Garda Civil tivo lugar no CEIP de Baamonde, e nela tamén houbo medios de Protección Civil, Bombeiros e Cruz Vermella. A subdelegada do Goberno estivo acompañada pola xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde, e o concelleiro de Begonte, Luís Luaña.
Isabel Rodríguez destacou a importancia de dar a coñecer a toda a sociedade, sobre todo aos mozos, os distintos servizos que presta a Garda Civil. Ademais, a subdelegada do Goberno agradeceu a implicación das forzas e corpos da seguridade do Estado para facer posible cada curso académico a celebración de numerosas actividades que se desenvolven nos distintos centros educativos da nosa provincia dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas.
Nas demostracións realizadas pola Garda Civil, participaron máis dun cento de alumnos de tres de centros educativos dos concellos de Begonte e Guitiriz. Concretamente, asistiron a esta actividade 146 alumnos de educación infantil e primaria dos CEIP de Baamonde, Virxe do Corpiño de Begonte e Plurilingüe de Parga (Guitiriz), acompañados polos seus profesores.
Os escolares tiveron ocasión de coñecer os medios e funcionamento de varios dos servizos cos que conta a Garda Civil, xa que participaron nesta actividade un helicóptero do servizo aéreo, cans do servizo cinolóxico cos seus adestradores, así como membros e vehículos dos servizos de intervención rápida, de seguridade cidadá, do destacamento de Tráfico de e do Seprona.
Esta exhibición foi organizada pola Garda Civil dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos Centros Educativos e os seus contornos.