A Igrexa Patólica

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
21 Ago 2023

Por Moncho Paz

Coñecín a Leo Bassi hai once anos. Viña a Compostela en plena precampaña das eleccións autonómicas de outubro de 2012 e facíao a bordo do ‘Bassibus’, un vehículo co que organizaba unha visita guiada á Cidade da Cultura, obra mastodóntica que cualificaba de “herdanza terrible e burato negro” para evidenciar a “horrible utilización do diñeiro público por parte dos gobernantes”. Un argumento incontestable. Con esta orixinal representación, Leo Bassi levaba a todas as persoas interesadas a participar nunha excursión polas instalacións da Cidade da Cultura, construción faraónica símbolo “do caciquismo e da dilapidación”, dicía polo altofalante. Convidados polo artista, Ramón Chao e mais eu embarcámonos naquela aventura para pasar un momento agradable. E abofé que así foi.

Para o bufón italo-británico nado en Nova Iorque, o complexo do Gaiás quedará para a posteridade como “un exemplo do que ocorreu politicamente neste período en España, no que se deu o diñeiro da cultura aos construtores”. Durante preto de dúas horas, todos os anotados na actividade do ‘Bassibus’ viaxamos cara á Cidade da Cultura, percorrendo outros espazos de Compostela. Unha vez no destino, Leo Bassi expoñía numerosos datos de gasto do complexo e da súa estrutura, desmontando as motivacións dos seus impulsores.

“É un insulto á catedral de Santiago facer unha Cidade da Cultura a catro quilómetros doutra que, dende séculos, é un monumento cultural en si mesmo”, afirmaba Bassi, quen equiparaba ao complexo do monte Gaiás cun “mausoleo da hipocrisía”. De súpeto, propuxo cambiarlle a denominación oficial pola de “Cidade dos Druídas” e trasladar alí “os ósos de Prisciliano que se atopan na suposta tumba do apóstolo”. O convencemento co que expresou aquelas verbas chegounos ben fondo e, tras rematar o traxecto e regresar á zona vella, acompañamos a Leo ao hotel onde se aloxaba. Conversamos durante un par de horas, nas que aproveitamos para contarlle o noso proxecto de Amigos de Prisciliano. Antes de despedirnos, preguntámoslle se lle gustaría ser o noso delegado en Italia e aceptou encantado, coa puntualización de que máis ben sería “un embaixador no exilio”, pois estaba a piques de inaugurar en Madrid a sede da Igrexa Patólica, emprazada no barrio de Lavapiés. Varios meses despois, coincidindo co día dos Santos Inocentes, oficiou alí a súa primeira cerimonia. Volvemos vernos tres anos máis tarde, cando recalou de novo na nosa terra para “animar” a campaña electoral das municipais de 2015.

A Gran Misa Patólica representa un fito na carreira teatral de Leo Bassi porque non é unha obra de teatro senón a adaptación ao escenario dunha verdadeira “misa”, a xeito de bufonada, da famosa Igrexa Patólica fundada polo ilustre pallaso. Dende a súa inauguración, este lugar de culto coñecido popularmente como “O Paticano de Lavapiés” e dedicado á adoración dun parrulo de goma amarelo “redentor”, oficia regularmente vodas e bautizos coa súa propia liturxia. Unha trasnada orixinal e divertida que remata por converterse en algo que transcende a sátira, poñendo en evidencia as contradicións entre a narrativa oficial da nosa sociedade e os valores da xente. Nas súas Misas Patólicas dominicais, Bassi provoca gargalladas e aplausos, situando a linguaxe irónica a un nivel de conciencia diferente, coa poesía e a maxia do pallaso como vehículo onírico que transforma o espectáculo nun acto cargado de ritual.

Leo encabeza este ano o cartaz da Festaclown de Vilagarcía. Aproveitando a súa presenza en Galicia, impartirá o curso titulado “Na procura da identidade cómica” os días 12 e 13 de agosto no Auditorio Municipal da capital arousá, coa finalidade de espertar aos espíritos máis rebeldes. Estamos ante un home comprometido que considera que o pallaso debe mirar directamente ao poder, mofarse del e denuncialo mediante a risa. A comedia por riba de todo.

A provocación é unha ferramenta de compromiso para este cidadán internacional que debutou con sete anos en Australia, iniciando aos vinte e tres a súa carreira en solitario, creando os seus propios espectáculos e converténdose, co paso dos anos, nun dos ‘clowns’ máis coñecidos do mundo. Baseándose na sabedoría acumulada na súa longa traxectoria persoal e herdada da súa tradición familiar, Leo Bassi desenvolve neste curso un sistema que combina a teoría con xogos psicolóxicos orixinais, que animan aos participantes a descubrir o bufón que levan dentro.

Un dos aspectos máis importantes destas sesións é que os asistentes son estimulados para adoptar un papel activo e de observador crítico. Isto alenta discusións francas en cada paso que se vai dando, obrigándoos a decatarse de como as súas accións son percibidas polos demais e que significan para eles mesmos. Conforme se vai progresando, o énfase pasa de ser unha ampla exploración da mente a ser un estudo máis centrado na comedia e nos problemas puramente teatrais.

Papa PAToLICO
0.17681002616882