A innovación como motor de transformación do rural protagoniza unha xornada en Abadín

O vindeiro mércores 7 de maio, o Salón de Actos do Concello de Abadín acollerá unha cita clave para o desenvolvemento do rural galego: a xornada A innovación como transformadora do rural, unha iniciativa promovida polo Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Mondoñedo, en colaboración co Concello de Abadín e a empresa tecnolóxica Innogando.
O evento celebrarase en horario de 10:30 a 13:00 h nas instalacións municipais situadas na Avda. Galicia, nº 2, e reunirá a destacadas persoas do ámbito económico e empresarial. O obxectivo é poñer en valor o papel estratéxico da innovación como ferramenta de impulso e modernización do sector agrario galego.
A través de relatorios inspiradores e mesas de diálogo, as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man experiencias de éxito e propostas de futuro que apostan por un rural máis dinámico, sostible e tecnolóxico.
Esta xornada constitúe unha oportunidade única para emprendedores, profesionais e representantes institucionais comprometidos co desenvolvemento territorial e coa transformación intelixente do agro galego.