A irmandade galaico-portuguesa
Por Moncho Paz
Hai uns días presentabamos en Vilalba o novo libro de Ramón Villares Paz (Xermade, 1951), unha obra que supón unha importante contribución ao diálogo intelectual coa historia e coa cultura portuguesas: ‘Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira’ (Vigo, Editorial Galaxia, 2023). Trátase dun ensaio no que o autor analiza como compartimos influencias ao longo do tempo, tanto en termos de idioma como de tradicións culturais; unhas similitudes que se reflicten na literatura, na música e noutros aspectos da nosa identidade.
A presente edición supón a adaptación de ‘Galiza: Terra irmã de Portugal’, publicado o ano pasado e destinado aos lectores portugueses, no cal o profesor e académico percorre os camiños que seguiron o norte e o sur do río Miño ao longo da historia, a partir do momento da división da provincia romana de Gallaecia, cuxa capital era Braga, no século XII. Villares examina os “momentos clave” nos que Galicia e Portugal estiveron interconectadas, como a Idade Media e os tempos da expansión marítima lusa. Ademais, abrangue as complexas dinámicas políticas e as percepcións contemporáneas desta relación fronteiriza a través dos séculos, destacando semellanzas lingüísticas, conexións culturais e interaccións ás dúas beiras da raia seca. Como ben sinala, nas relacións entre Galicia e Portugal -máis culturais que políticas- poden atoparse “capas ou estratos diferentes”. Así, comeza cunha breve presentación da “terra dos galegos”, para ocuparse despois da antiga Gallaecia e rematar coa presentación das liñas fundamentais da nosa historia nas épocas medieval e moderna.
Na súa intervención en Vilalba, Ramón afirmou con rotundidade que «Galicia é distinta da idea de España ou Castela. Existe unha relación moi estreita, que nunca se cortou, pois é a xénese de Portugal, “o ovo, as origens”, como diría o poeta e novelista portugués Alexandre Herculano (1810-1877); mais aos portugueses cústalles identificar ben Galicia, polo cal é pertinente explicárllelo, non como un xesto de amor ou desamor, senón como un acto de reflexión intelectual». Neste senso, o ensaio defende que as dúas rexións mantiveron ao longo do tempo a continuidade das paisaxes, a intermitencia dos diálogos culturais, así como a importancia das relacións transfronteirizas, poñendo como exemplo a zona de Minho que, segundo o autor, «ten sentimento portugués, pero moita identidade galega». Para o historiador de Cazás, o novo reto vívese a partir da adhesión á Unión Europea en 1986, momento que provocou unha suave desfronteirización, coa eliminación das aduanas, favorecendo que se abrisen novas portas ao diálogo, coas comisións de coordinación e desenvolvemento rexional, a participación das institucións, o intercambio comercial e o fluxo de persoas.
Como presidente da Asociación Cultural Amigos de Prisciliano chamoume especial atención o capítulo ‘Jakobsland ou Terra de Santiago’, onde menciona o episodio histórico da “inventio” (para uns descubrimento, para outros invención real) do sartego do apóstolo, unha das mellores campañas propagandísticas da historia da humanidade, pois colocou a Compostela a nivel de Roma ou Xerusalén. Detéñome na pasaxe na que afirma que Compostela, máis que campo de estrelas (campus stellae) era un lugar de enterramento (composita tellus) no significado que ten de “descomposición” de corpo enterrado. Esta teoría, sempre defendida polos irmáns Xosé e Ramón Chao Rego, entronca directamente cos postulados do priscilianismo, un movemento combatido duramente dende o século IV, pero nunca desarraigado. Aí queda a idea que defendemos de que as cinzas atribuídas ao apóstolo son en realidade de Prisciliano, axustizado en Tréveris no ano 385 e trasladado a Galicia polos seus primeiros seguidores. En todo caso, o certo é que o camiño (para uns de Santiago e para outros de Prisciliano) supuxo unha apertura internacional para Galicia; empregando as verbas de Villares, “unha enorme autoestrada de comunicación de ideas, persoas e mercadorías”.
Como sinalaba o polifacético Miguel Torga, pseudónimo de Adolfo Correia da Rocha (1907-1995), unha voz lusa moi crítica coa integración europea, no caso de Galicia e Portugal estamos ante unha patria dividida, como resultado tráxico (visión que, por certo, Ramón Villares non comparte) dunha historia que discorreu a ritmo diverso dende a formación do reino de Portugal no século XII, anteriormente vencellado á antiga Gallaecia romana e sueva, habitada por tribos moi diversas.
Atendendo a estas reflexións, recomendo encarecidamente a todos os públicos a lectura deste ensaio, que contribúe a reivindicar a nosa identidade como pobo dun xeito sosegado, lembrando a historia común e ollando cara ao futuro, coa finalidade de entendermos que Galicia e Portugal poderán acadar unha nova dimensión institucional e un peso específico no contexto da Unión Europea. O actual escenario político facilita que poidamos emprender ese camiño conxuntamente e seguir avanzando na Historia, con maiúscula.