A ITV móbil para maquinaria agrícola amplía a súa estadía en Guitiriz desde o 2 de setembro

A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) para maquinaria agrícola volverá desprazarse ao Concello de Guitiriz entre os días 2 e 22 de setembro para facilitar aos propietarios deste tipo de vehículos o cumprimento da inspección obrigatoria sen necesidade de realizar desprazamentos a estacións fixas.
A unidade instalarase no Polígono Industrial de Guitiriz e prestará servizo en horario de 9.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas. A única excepción será a primeira xornada, o 18 de setembro, cando a atención se ofrecerá unicamente en horario de mañá.
Ademais, estarán do 2 ao 8 no cemiterio de Buriz, do 9 ao 10 e o 15 no Campo da Festa de Trasparga e do 15 ao 17 no Campo da Festa de Pígara. O horario tamén será de mañá e tarde, agás os días 4, 8 e 10, que atenderán só pola mañá.
As persoas interesadas deberán solicitar cita previa chamando ao teléfono 981 92 80 80 ou a través da páxina web de SyC Applus ITV, empresa encargada da prestación do servizo en Galicia.
Estas campañas itinerantes permiten realizar a inspección técnica de tractores, remolques agrícolas, maquinaria automotriz e outros vehículos especiais empregados nas explotacións agroforestais, achegando o servizo aos concellos con maior presenza deste tipo de maquinaria e facilitando o cumprimento da normativa en materia de seguridade viaria.
Desde o Concello de Guitiriz lembran a importancia de revisar que a documentación do vehículo estea en regra antes de acudir á inspección e recomendan reservar cita con antelación para evitar esperas.