A Lagoa de Cospeito acollerá unha xornada para achegar os máis pequenos ao mundo das aves

A Lagoa de Cospeito converterase o vindeiro 3 de outubro nun espazo de exploración e aprendizaxe para os máis pequenos coa actividade de educación ambiental ‘Pequenos exploradores: descubrindo as aves da Lagoa de Cospeito’. A proposta está organizada conxuntamente pola Asociación Galega de Adopción de Exóticos (AGAE), Os Pillabans e Bosquea e desenvolverase entre as 11:00 e as 14:00 horas.
A iniciativa está especialmente dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, aínda que está aberta a todas as idades coa participación das familias. O obxectivo é achegar a infancia á natureza dun xeito divertido, participativo e respectuoso, aproveitando unha xornada dedicada ao coñecemento das aves.
Durante a mañá, os participantes converteranse en pequenos exploradores para coñecer as aves que habitan o humidal, aprender a identificar diferentes especies e descubrir curiosidades sobre os seus hábitos e sobre a importancia destes ecosistemas para a conservación da fauna. A actividade combinará a observación directa con xogos, retos e diferentes propostas de educación ambiental.
As entidades organizadoras buscan que os nenos e nenas aprendan a observar o seu contorno desde unha nova perspectiva e comprendan que a natureza ofrece numerosas historias que poden ser descubertas e interpretadas. “Queremos que as crianzas descubran que para coñecer e respectar a natureza primeiro hai que aprender a observala. Unha mañá cunha mochila, uns prismáticos e moitas ganas de descubrir pode converterse nunha auténtica aventura”, sinalan.
A localización escollida permitirá desenvolver a actividade nun espazo de especial interese natural. A Lagoa de Cospeito forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e ofrece a posibilidade de coñecer de preto a diversidade de aves e outros elementos propios do ecosistema, sempre desde unha perspectiva de respecto e conservación.
A proposta pretende tamén promover o lecer familiar ao aire libre e favorecer que os máis pequenos establezan desde a infancia un vínculo positivo coa natureza. As entidades consideran que este tipo de experiencias poden contribuír a crear unha sociedade máis consciente da importancia de protexer os espazos naturais, a fauna e os ecosistemas.
A actividade terá lugar o 3 de outubro, entre as 11:00 e as 14:00 horas, na Lagoa de Cospeito. O prezo é de 15 euros para un adulto e unha crianza e de 20 euros na modalidade familiar. As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden solicitar información e realizar a inscrición no teléfono 665 902 019.
AGAE traballa na protección e no benestar dos animais exóticos, así como na sensibilización sobre a tenza responsable e a conservación da biodiversidade. Pola súa banda, Os Pillabans desenvolve iniciativas de protección animal e sensibilización e participación cidadá, especialmente entre os máis pequenos mediante actividades e charlas en centros educativos. Bosquea está centrada na educación na natureza e promove unha aprendizaxe baseada na experimentación, para que os nenos e nenas poidan aprender, xogar e descubrir o seu contorno natural desde un acompañamento respectuoso.
As tres entidades coinciden nesta actividade no obxectivo de achegar a natureza á infancia e fomentar desde os primeiros anos o respecto pola fauna e polos ecosistemas que forman parte do contorno.