A lagoa de Cospeito: lenda e natureza
Por Miriam Fernández
A lagoa de Cospeito ou lagoa de Santa Cristina (parroquia na que se atopa), é un humedal permanente dos máis coñecidos e importantes da Terra Cha e de toda Galicia e un dos mellores adaptados para aqueles amantes do patrimonio natural que diariamente o visitan pola diversidade de fauna e flora que nela e nas súas inmediacións habita. Englobada dentro da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, pertencente tamén á “Rede Natura 2000” e ó Lugar de Interés Comunitario (LIC) 2004 “Parga-Ladra-Támoga”, coma un dos ecosistemas hídricos de maior singularidade da Rexión Atlántica. Ademais a Xunta de Galicia declarouno coma un “Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral”.
Orixinariamente eran 2 lagoas, cunha extensión de 57,50 e 16,25 ha., xurdidas debido ó tipo de solo arxiloso que existe no lugar, pouco permeable e horizontal, creando a ramificación dos rios e zonas encharcadas. Na década dos 70 a desecación con fines agrícolas cambiaron o seu aspecto, máis nos últimos tempos fíxose unha importante labor de recuperación que lle retornou o seu aspecto e diversidade, albergando unha chea de especies (protexidas en moitos casos) e singulares en toda Galicia.
Falar da Lagoa de Cospeito non é so falar dun valioso patrimonio natural, se non que tamén se conservan unha serie de lendas empregadas antano para explicar a súa orixe, formando parte do imaxinario popular galego.
Unha das lendas cóntanos que “onde hoxe se atopa a lagoa de Cospeito existiu nun tempo unha vila que chamaban Valverde á que un día chegou un mendigo pedindo onde pasar a noite, pero ninguén o quixo acoller. Xa nas aforas da vila, unha familia moi pobre deulle pousada, sacrificando a única becerra que tiñan para darlle de comer. Despois da cea o mendigo ordenoulles que antes de se deitar botasen os ósos pequenos do animal cortello pequeno, e os grandes no cortello grande; aínda que non entendían por que lles pedía aquela cousa decidiron facelo así e foron todos durmir. Á mañá seguinte o mendigo pediulle á familia leite para o almorzo, máis estes lembráronlle que sacrificaran o animal a noite pasada. Pero o mendigo respondeulles: «¡Claro que tedes vacas que munxir! E iso é tan certo como que a vila de Valverde fica asolagada». Os donos da casa foron mirar aos cortellos e atoparon becerras no pequeno e vacas no grande, rapidamente saíron fora e viron a vila de Valverde asolagada. Dise que o mendigo era Xesús que andaba a comprobar a xenerosidade da xente e que nas noites de San Xoán se escoitan as campás da igrexa vila, da que algúns din ter visto o seu campanario en épocas de sequia, xunto cos tellados dalgunhas casas”.
Outra das lendas relata que “baixo a lagoa de Cospeito existe unha cidade chamada Veria á que un día a Virxe foi pedindo limosa. Ninguén lle fixo caso, agás unha mulleriña moi pobre que case nada tiña. A Virxe pediulle leite, pero ela comentoulle que non lla podía dar, que non tiña vacas. Entón a Virxe contestoulle que era tan certo que as tiña como que a cidade de Veria desaparecera asolagada por un diluvio a causa da súa incredulidade en Deus, pois non tiñan igrexa e rendían culto a uns paus e a figuras traídas doutras terras polos mouros. Cando rematou a inundación, apareceu no alto do monte unha capela, hoxe chamada Nosa Señora do Monte”
Para gozar de toda a beleza que nos ofrece este entorno (a mellor época é a que vai de outubro a marzo) a lagoa conta cun pequeño centro de interpretación, unha senda perimetral na que hai instalados varios observatorios de fauna e empresas que ofertan visitas guiadas para facilitar a observación e a interpretación da paisaxe.