A lei do Oeste: os botíns recuperan a ortodoxía do estilo cowboy

TerraChaXa
Por Cecilia F.
cecilia fernandez santome
6 Abr 2018

Por Cecilia F. Santomé

A estética country volve, e ese come back fainos erguer a cella con desconfianza porque, en realidade, nunca marchara.  É desas referencias arriscadas, complexas, difíciles de lucir sen caer na parodia e que, porén, dun xeito ou doutro, sempre están no aire. Esta temporada domina o estilo cowboy, e faino pisando con garbo. Os botíns clásicos marcan o paso.

Será polo exorbitado espazo informativo que ocupan os Estados Unidos desde que o histriónico Donald Trump rexe a Casa Branca ou pola exaltación da identidade norteamericana tradicional que este leva por bandeira que en 2017 e 2018 a moda se encheu de motivos tomados da indumentaria cowboy. Que viva a América profunda!

Por suposto, o denim en todas as súas acepcións (en pantalóns de campá, gabáns, chalecos ou saias midi) eríxese en piar básico desta tendencia, mais non está só na súa misión. Franxas en chaquetas curtas, fibelas, lazos e correas, capas e sombreiros ao Clint Eastwood agroman en coleccións que evolucionan entre os códigos rústicos e os bohemios, con concesións futuristas.

Pero se tal dose de estética salvaxe é excesiva para ti, aposta pola fórmula minimalista e redúcea á súa expresión esencial: as botas de campo.  A comodidade e a funcionalidade están garantidas. O que se di vestirse polos pés. 

Para inspirarse, abonda con botar unha ollada ás propostas de prêt-à-porter para esta temporada. Calvin Klein, con Raf Simons á cabeza e en pleno retorno ás raíces da firma, é un dos seus principais valedores. Incorpóraas a total looks en denim de factura unisex ou combínaas con conxuntos tipo uniforme e acabado satinado. Pequenas concesións á cor á parte, as súas son botas de campo de corte clásico. Un patrón ao que tamén se apuntan en Dsquared.

Do lado oposto sitúanse as da casa Maison Margiela, empeñada en “deconstruír” este calzado. Sen talón, cunha cinta que apreixa o nocello e recubertas de purpurina, as súas versións semellan dirixidas a  cowboys doutra galaxia.

Entre esas dúas augas, navegan dúas marcas de culto moderno e especializadas en darlle un xiro inesperado a calquera tendencia que se cruce no seu camiño: Céline e Vetements.

Seguindo coa súa aposta polo normcore levado ata o extremo do feo en materia de calzado,  esta inclúe na súa colección para a primavera/verán 2018 botas cowboy de cana alta e tacóns extraordinariamente curvos. Aí reside o desafío. E niso coincide coa liña elixida por Céline para o inverno do que vimos de despedirnos. Sumando centímetros e inclinación, os seus deseños outórganlle frescura e lixeireza a uns botíns xa de seu moi marcados.

“Gústanme as botas de cowboy porque me axudan a evadirme. Síntome como nun escenario, como saído dun decorado de película”, afirmaba o fotógrafo de street style Mordechai Rubinstein nunhas declaracións á revista GQ

Apuntémonos, pois, á grande evasión.

botas cowboy
botas vaqueiras
0.21136093139648