A Maleta Viaxeira chega a Muras con lecturas sobre feminismo e prevención da violencia de xénero

TerraChaXa
Permanecerá na localidade durante tres meses e as persoas interesadas poderán achegarse ao Concello para recoller os libros en préstamo
a-maleta-viaxeira-violencia-de-xenero
22 Aug 2026

O Concello de Muras vén de recibir a Maleta Viaxeira (MAVI), un proxecto itinerante impulsado pola Subdelegación do Goberno en Lugo que pon á disposición da veciñanza unha selección de libros centrados no feminismo, a autoestima e a prevención da violencia de xénero.

A maleta permanecerá en Muras durante tres meses e as persoas interesadas poderán achegarse ao Concello para recoller os libros en préstamo, podendo escoller unha ou varias das obras incluídas na colección.

A entrega da MAVI tivo lugar nun encontro no que participaron a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e a tenente de alcalde, Paula Gómez.

O proxecto conta con doce libros dirixidos a persoas de diferentes idades e pretende fomentar a lectura e o pensamento crítico arredor da igualdade e da prevención da violencia contra as mulleres. En total, tres maletas viaxeiras percorren diferentes concellos da provincia de Lugo, así como centros de información á muller, servizos sociais e centros penitenciarios.

Con esta incorporación, Muras súmase a outros municipios da provincia que xa participan na iniciativa, entre eles Sarria, Vilalba, Monforte, Viveiro, Taboada e Ribera de Piquín.

Entre as obras dispoñibles figuran clásicos como Insolación, de Emilia Pardo Bazán, e La mujer del porvenir, de Concepción Arenal. A selección inclúe tamén títulos centrados na sociedade e nos roles de xénero, como Desarmar la masculinidad, de Beatriz Ranea, e Maternidades S.A., de Laura Nuño.

A colección complétase con obras que abordan a saúde e o territorio desde unha perspectiva feminina, como Mujeres invisibles para la medicina, de Carme Valls, e Tierra de mujeres, de María Sánchez, así como diferentes propostas de narrativa e libros con referentes femininos, entre eles El color púrpura, de Alice Walker; El lunes nos querrán, de Najat El Hachmi; El bosque de los cuatro vientos, de María Oruña; La tierra de las mujeres, de Sandra Barneda, e Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes, de Cavallo e Favilli.

0.11505198478699