A mocidade de Guitiriz desfruta dun obradoiro de relatos para reflexionar sobre os valores democráticos

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, asistiu hoxe no IES Díaz Castro de Guitiriz a un taller de creación literaria no marco do concurso Relatos da liberdade, un certame que pretende achegar a historia recente de España ás novas xeracións e promover a reflexión sobre a importancia dos valores democráticos e a vida en liberdade a través da literatura.
O obradoiro, dirixido a estudantes de 4º curso de ESO, foi impartido por Sonia Hermida, especialista en literatura infantil e xuvenil. A sesión, centrada en técnicas de creatividade literaria, tivo unha duración aproximada de 100 minutos, e nela participaron 16 estudantes.
Alí, a subdelegada destacou “a importancia da literatura como medio para coñecer as nosas raíces e a súa utilidade para convivir en sociedade”, e agradeceu a predisposición do centro educativo a participar na proposta.
Mozos e mozas e colexios poderán participar, presentando as súas obras, no certame Relatos da liberdade, unha acción realizada baixo o impulso da Delegación do Goberno en Galicia e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade.
A iniciativa Relatos da liberdade está dirixida a rapaces e rapazas nacidos entre 2009 e 2011, fundamentalmente o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato. Cada persoa participante poderá presentar un relato ao certame. Ademais, as escolas galegas que presenten obras a este concurso poderán optar ao Premio Semente Democrática, destinado a recoñecer a implicación dos colexios na proposta
Haberá tres premios por provincia (dúas a alumnado e un a centros). As bases do concurso xa están dispoñibles, xunto a máis información en Portal MPT | Relatos da Liberdade.