A Moexmu comeza a preparar a súa XLIII edición, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de abril

A comisión organizadora da XLIII Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU) xa está a traballar na preparación da próxima edición, que terá lugar os días 2, 3 e 4 de abril de 2027, recuperando así a primeira fin de semana do mes como datas de celebración.
As reunións de traballo comezaron o pasado mes de xuño co obxectivo de avanzar na organización dunha cita que volverá reunir en Muimenta o sector agrogandeiro. Nesta edición celebraranse, ademais da XLIII Mostra Exposición, o XLI Concurso de Gando Frisón, a XLI Exposición de Gando de Raza Rubia Galega, a XXXI Poxa de Gando Selecto, o VI Concurso de Xóvenes Peladores, o XXVI Concurso de Xóvenes Manexadores e o IX Monográfico de Can de Palleiro.
Dentro dos preparativos, o vindeiro sábado, 14 de novembro, terá lugar unha reunión de traballo na que participarán membros de Africor Lugo e a maioría dos gandeiros que tomaron parte na última edición do Concurso de Gando da Moexmu. O encontro servirá para comezar a perfilar a próxima convocatoria deste certame, que foi o único concurso de gando celebrado en Galicia ao longo de 2026.
Á reunión tamén están convidados representantes de Acruga, da Xunta de Galicia en Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, así como o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e un concelleiro de cada un dos grupos municipais con representación no consistorio.
A organización do encontro correrá a cargo da comisión organizadora da Moexmu deste ano, a segunda dentro da quenda rotatoria, presidida por Manuel Seijas.
A edición de 2027 terá, ademais, un significado especial, xa que se cumprirán corenta anos desde que a mostra comezou a apoiar e dar visibilidade ao traballo dos gandeiros. Foi en 1987 cando se puxeron en marcha o concurso e a exposición de gando, inicialmente nunhas instalacións provisionais construídas con estacas de xestas pola propia veciñanza de Muimenta, nos terreos que hoxe ocupa o colexio público.
A evolución da mostra levou a que, en 1991, se estrease o actual Recinto Feiral Manuel Vila, adquirido cos fondos procedentes da venda dunha masa forestal propiedade da veciñanza. Desde entón, este espazo converteuse nun referente para a celebración dunha das principais citas agrogandeiras da comarca.