A Moexmu publica os carteis para nova convocatoria de abril 2026

A comisión organizadora da XLII edición da Mostra Exposición de Muimenta – Moexmu continúa coas súas reunións de traballo.
Paula Francos Anllo volveu realizar o deseño dos carteis da propia feira Moexmu e do Concurso de Gando Frisón, que se celebrarán os días 10, 11 e 12 de abril.
Os carteis desta edición tan especial para todos e todas recollen a gran festa do agro galego, á que toda a xente está convidada.
Coma nos últimos, os dous carteis manteñen a mesma liña, coherencia e discurso gráficos
para que sexa doado asocialos entre si.
Nun deles, unha muller “forzuda” que carga cos elementos do rural: simbolizando o papel esencial da muller no noso campo e no noso rural, e dun xeito máis amplo, transmitindo á mensaxe de que o noso rural está cheo de forza para seguir construíndo o noso futuro.
No segundo, unha vaca, proclamada gañadora do concurso de gando, aparece cargando obxectos que, ademais de estar relacionados do premio, resaltan o valor do coidado e a experiencia para acadalos: a boa alimentación (cereais), a gandería extensiva ao aire libre (sol), ademais do mimo e o agarimo animal (co peite e o secador) son pezas protagonistas do mesmo.
Como toque especial, a gañadora, leva un colgante coa forma do noso país: Galicia, lembrando e recalcando que a Moexmu acolle o XXXIV Concurso Autonómico de Gando Frisón de Galicia, xunto ao XL Concurso e Exposición de Gando e a XXX Poxa de Gando Selecto.