A mostra fotográfica sobre a malla de Antón Beiras en Aguias amplía unha semana máis

TerraChaXa
Poderá visitarse tamén os días 31 de outubro e 1, 2 e 3 de novembro de 10.00 a 18.00 horas
exposicion-anton-beiras-a-malla-de-pascual-en-aguias
Unha das fotografías da exposición
26 Oct 2024

A exposición de fotografías de Antón Beiras na aldea das Aguias, en Muras, o primeiro proxecto do colectivo Legado Activo Beiras Cal, ampliará unha semana máis a súa estadía.

Esta mostra pretende darlle continuidade ao compromiso do oculista Antón Beiras e a pedagoga Antía Cal coa súa terra, co progreso e os valores da tolerancia e a democracia. Por iso no acto de inauguración da mostra tivo especial relevancia Beatriz Beiras Cal, a filla destes dous persoeiros de Muras.

A mostra leva por título A malla de Pascual, 1957 e poderá visitarse agora tamén o xoves 31 de outubro e os días 1, 2  e 3 de novembro na antiga caseta de Correos dun mesón que foi recuperada para a ocasión e que está situada na estrada que comunicaba Lugo con Viveiro. O horario de visita é de 10.00 a 18.00 horas, mentres que esta fin de semana mantense o horario de 10.00 a 19.00 horas. As persoas que desexen visitar a mostra entre semana teñen que concertar unha cita no 699 963 095.

A exposición fotográfica reúne unha serie fotográfica realizada por Antón Beiras na eira da casa dos de Pascual e agora exhíbese por vez primeira onde foron tiradas as fotografías e onde os seus protagonistas realizaban unha das tarefas do campo máis importantes para o súa subsistencia.

A dignificación do traballo, o papel da muller nos labores agrícolas, a contribución de nenos e nenas na malla son elementos clave que Antón Beiras busca retratar e que pon no primeiro plano do seu obxectivo.

0.16255307197571