A música, a natureza e a cultura volverán darse a man na sexta edición do Festival Pozomouro

TerraChaXa
A Área Recreativa Ribas do Miño, en Muimenta, acollerá o 22 de agosto unha xornada con concertos, obradoiros, mercado cultural e zona de acampada gratuíta
COSPEITO pozo mouro
9 Aug 2026

A Área Recreativa Ribas do Miño, en Muimenta, volverá converterse nun punto de encontro para a música, a arte e a natureza coa celebración da sexta edición do Festival Cultural Pozomouro, que terá lugar o próximo 22 de agosto. Organizado pola Asociación Cultural Pozomouro, o evento continúa apostando por unha programación multidisciplinar e de acceso gratuíto, consolidándose como unha das citas culturais do verán na comarca da Terra Chá.

O festival naceu coa intención de dinamizar este espazo natural e ofrecer unha proposta cultural diferente, impulsada pola propia veciñanza de Muimenta. Ano tras ano foi medrando ata reunir centos de asistentes atraídos por unha combinación de música en directo, actividades para todos os públicos e un ambiente que aposta pola convivencia e o respecto polo medio natural.

Nesta sexta edición, o escenario principal contará coas actuacións de Pan de Capazo, Pachamusta, Filophóbicas, Dani Convulzionez, Bogong Studio, Feral Booty, Hadri Hache e Píntega Sistema de Son, configurando un cartel no que conviven diferentes estilos musicais.

A programación irá máis alá dos concertos. Durante toda a xornada desenvolveranse actividades pensadas para público de todas as idades, entre elas sesións de narración oral con Atenea García, un obradoiro de ilustración con Pablo Rodríguez, o Pozo Vimbio con Salix Albis, o Pozo Musical con Davizín, o Pozo Miúdo con A Meiga Ociosa e propostas de circo da man de Duende Circo.

Outro dos atractivos será o mercado cultural, no que diferentes creadoras, artesáns e pequenos proxectos compartirán o seu traballo co público asistente. Ademais, a organización habilitará unha zona de acampada gratuíta tanto para tendas como para vehículos, facilitando que os asistentes poidan permanecer durante toda a xornada nun espazo natural situado á beira do río Miño.

Desde a organización destacan que o festival é posible grazas ao traballo colectivo da veciñanza, que cada ano participa de maneira voluntaria na súa preparación. "Facémolo con todo o amor e a ilusión de traer un feixe de cultura diversa ao carón do río que nos viu medrar", sinalan.

0.13174796104431