A música galega volve á carballeira de Dona Rita na Festa da Fraga

TerraChaXa
Catro grupos participan no Festival do 24, que dá paso a unha xornada familiar de fin de festa
festa-da-fragada-as-pontes
La Regadera e Monolious
23 Xul 2024

A carballeira de Dona Rita acolle o fin das festas, que como non podía ser doutro xeito, rematan por todo o alto.

Na contorna das Fragas do Eume, nunha paisaxe de gran beleza, ten lugar esta celebración, que é festa de Interese Turístico Galego. Viven deste xeito os ponteses o Día de Galicia ou Día de Santiago. Son dúas xornadas de festa ininterrompida, con parada para o que pode ou quere, para durmir nas cabanas que se constrúen á beira do río.

A Romaría da Fraga comezou a celebrarse a principios do século XX nunha illa do Eume, polo que entón era coñecida como Romaría da Insua. Hoxe a illa xa non existe e a festa ten lugar no devandito parque da carballeira de Dona Rita, na entrada da vila.

O programa deste ano comeza co tradicional festival folk a partir das 21.00 horas do día anterior e que este ano se abre a diferentes estilos. Estarán Xurxo Fernández, Monolious Dop, La Regadera e We are Not Djs.

O propio día da romaría, o martes 25 comezará coa misa ás 12.00 horas na Capela do Carme, á que seguirá a sesión de tarde con Louband e o Dj. Álex Romero, que se prolongará desde as 15.30 ás 17.30 horas.

LOUBAND

Louband é unha formación musical nada en Sarria no ano 2017.

O estilo musical inclúe versións de clásicos musicais tanto en galego como en castelán. Entre os estilos musicais destacan o ska, reggae, cumbia, pop e rock. Todos as versións están arranxadas por eles mesmos dando protagonismo ás voces e aos ventos da formación.

Do repertorio en galego destacan versións como O Tren de Andrés do Barro, Quen puidera namorala de Celso Emilio Batallán así como tributos a outros grupos galegos coñecidos como Lamatumbá, Siniestro Total ou Heredeiros da Crus. No repertorio en castelán conflúen numerosos estilos entre a cumbia o pop dos 80’ e 90’ e o rock de máis éxito.

Completa o programa o DJ Álex Romero, chegado de ultramar, que será o encargado de pechar a celebración en sesión de tarde.

XURXO FERNÁNDEZ

Xurxo Fernandes é unha figura de referencia no panorama da música de raíz de Galicia, tanto a nivel etnográfico como artístico, que na actualidade continúa o seu labor investigador e divulgador. Isto bríndalle a capacidade de innovar no campo da música tradicional a través das súas propostas artísticas como é o caso dos proxectos Radio Cos, Pandeireteiras Sen Fronteiros, Jako o Muzikante e agora a súa última proposta en solitario na que aúna as súas dúas facetas máis representativas, a galega e a oriental: Levaino! (2021).

MONOULIOUS DOP

Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para internet. A curiosidade de Ula e Mon, dous amigos de toda a vida, fai que empecen a subir videoclips que eles mesmos producen e que coa forza das redes sociais pronto contan co apoio do público.

Este empuxe da xente é o que os convida a montar unha banda en clave de rock. Despois de ofrecer un bo número de concertos pola xeografía galega presentando a nova banda na primavera de 2017 sacan o seu primeiro disco, un dobre LP baixo o nome de LP Pai no que a banda saca a luz un bo feixe de temas novos e recupera algúns dos temas antigos que mellor aceptación do público tiveron. O disco foi presentado durante todo o verán e resto do ano en festivais e nalgunhas das mellores salas galegas.

WE ARE NOT DJ

We Are Not Dj’s son Yolanda e Paco, melómanos, produtores e Dj’s Todoterreo.
Entre o Pop e a Electrónica, cabe de todo, Indie Dance e Rock, Electro e Nu Disco, Techno e House, EDM e Hip-Hop, Drum’n’Bass e Dubstep, Swing e Jazz, Funk e Soul, Punk e Metal... e en definitiva calquera cousa con tal de facerche bailar e gozar.

O seu paso por importantes festivais demostran unha gran capacidade de adaptación a cada contorna e un eclepticismo único.

Ao contrario que outros Dj’s centrados nun estilo, achegan a técnica á música que lles gusta, detrás das súas actuacións hai moitos anos de escoita e iso nótase, isto convérteos en Dj’s incribles que investiron nuns cuantos trastes para adornar a súa sabedoría e dedicación.

LA REGADERA

La Regadera nace en outubro de 2014, da ruptura doutra banda chamada A kal e kanto. Conforman un estrafalario octeto dalgún deporte aínda por inventar, no que combinan na súa coctelera particular ingredientes como o ska, o rocksteady ou o punk ribeteados con pinceladas de reggae, pop e latin.

0.10040688514709