A música terá un papel destacado na XXXIV edición da Festa da Filloa de Muimenta

TerraChaXa
A música tradicional estará moi presente grazas á participación da Escola de música e baile tradicional da Pastoriza, que repite tras o éxito de anteriores edicións
festa-da-filloa-muimenta-2024-13
20 Apr 2025

O vindeiro xoves, 1 de maio, o Recinto Feiral Manuel Vila López de Muimenta acollerá a XXXIV edición da Festa da Filloa de Muimenta, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha cita xa emblemática no calendario gastronómico e cultural da comarca.

A comisión organizadora xa puxo en marcha os preparativos para que esta nova edición volva ser un éxito de participación e sabor. Como cada ano, farase honra á tradicional filloa galega, cunha intensa xornada chea de música, gastronomía e tradición.

Este ano, destacarase a participación de grupos musicais e de baile locais, dando especial protagonismo aos artistas da contorna. Estrearanse na festa Beteluma e Os do Campo, formacións compostas por músicos e fielleiros habituais da festa.

A música tradicional estará moi presente grazas á participación da Escola de música e baile tradicional da Pastoriza, que repite tras o éxito de anteriores edicións, e do Grupo de Música e Baile da Asociación Cultural Arume de Caión, que regresa por segundo ano cunha nova proposta artística.

O ambiente estará animado tamén por Cosmedeejay, da empresa Eventec, que volve poñer ritmo á festa como en anteriores ocasións, e polo grupo Asubios da Chaira, referente da música tradicional no Concello de Cospeito, que participará grazas ao programa Tradigalu promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Nesta edición, tamén se renovou o convite a outras festas gastronómicas da contorna, como A Enfariñada de Trabada e O Requeixón de Barreiros, reforzando os lazos entre celebracións que manteñen viva a tradición culinaria galega. Cabe lembrar que o Queixo de San Simón da Costa de Vilalba leva anos formando parte desta festa con grande éxito entre o público.

A organización amosa o seu compromiso coa promoción da cultura e tradición locais, ofrecendo un programa que mestura identidade, sabor e diversión para todas as idades. A cita é, sen dúbida, imperdible para todos os amantes da gastronomía e a música tradicional galega.

⚙ Configurar cookies
0.16654396057129