A neglixencia profesional

TerraChaXa
Por Lucía Otero Gato Hai un fenómeno abominable que, desgraciadamente, cada vez está máis presente no mundo dos nosos días: a neglixencia profesional.
Lucía Otero Gato
16 Mar 2018

Por Lucía Otero Gato

Hai un fenómeno abominable que, desgraciadamente, cada vez está máis presente no mundo dos nosos días: a neglixencia profesional. A neglixencia é a falta de coidado ao facer algo, manifestándose a continuación unha total pasividade polas consecuencias que se deriven dese proceder inadecuado. Este talante desidioso é característico dunha España onde a mentalidade que prevalece é a de “se algo se pode facer mal, para que facelo ben?” e onde o único que parece premiarse é a Lei do mínimo esforzo. Neste artigo falaremos exclusivamente da neglixencia profesional, isto é, desas persoas que —case sempre conscientemente— fan mal o seu traballo e despois se desentenden, aínda que o termo ‘neglixencia’ pode aplicarse a todos os ámbitos da vida.

Comezaremos por un dos casos máis graves de neglixencia: a xudicial. Cando un xuíz dita unha sentenza baseándose en probas pouco sólidas, en informes de carácter subxectivo ou nos seus presupostos ideolóxicos, ese xuíz está sendo neglixente, incompetente e inxusto. Nunha entrevista a El HuffPost, o admirable xurista Baltasar Garzón di o seguinte a propósito da instrución que o xuíz Pablo Llarena leva feito do procés: “Creo que se utilizó la medida de la prisión provisional de forma desorbitada desde septiembre para los Jordis y posteriormente en el Supremo. Honestamente, no hay ninguna razón para que estas personas continúen en prisión”. Polo tanto, aproveito este artigo para pedir novamente a liberación dos presos políticos cataláns, vítimas do Fascismo e da parcialidade indecente do sistema xudicial.

Neglixente e vergonzoso foi así mesmo o uso da forza por parte da Policía Nacional e a Garda Civil o pasado 1 de outubro en Catalunya, bestialidade que acaba de denunciar Amnistía Internacional nun informe titulado “España: el derecho a protestar, amenazado”. Nalgunhas ocasións a neglixencia toma tales dimensións que o suposto “profesional” intenta causar todo o mal que pode desde o seu cargo. Isto, entre outras cousas, é un abuso de poder, unha mostra de crueldade e o sinal inequívoco de que na Terra existe xente carente de escrúpulos. Eu, que sufrín nas propias carnes as accións desapiadadas desta clase de individuos, pregúntome ata onde chega a barbaridade e a estupidez humana.

Outro tipo de neglixencia é a corrupción, sen dúbida unha das lacras destes tempos. Os índices de corrupción en España increméntanse día a día de xeito alarmante e, como non, a formación política que lidera o ranking de corruptos é o Partido Popular (sobre a mesa temos, por exemplo, o molesto ‘Caso Bárcenas’). Por último, non debemos deixar de lembrar que neglixente é tamén o profesor que cualifica arbitrariamente a un alumno, o avogado que non defende correctamente ao seu cliente, o taxista que colle o traxecto máis longo para acrecentar a facturación, o electricista que en lugar dunha reparación fai unha chapuza ou o tendeiro que cobra un prezo desorbitado por un produto, por citar só algúns exemplos.

Para concluír, a neglixencia no medio profesional é algo moi frecuente en España e, lonxe de diminuír, vai en aumento. Especialmente preocupantes son as neglixencias xudiciais, fatais para as persoas que teñen que soportar os seus efectos. Se todos os profesionais fixesen o seu traballo o mellor que puidesen, e de boa fe, nada disto acontecería.

0.14453792572021