A oficina rural de Meira renova as súas instalacións e reúne servizos agrarios e forestais en 700 metros cadrados

A oficina rural de Meira conta con instalacións renovadas tras a finalización das obras de reforma e adaptación impulsadas pola Xunta, que permitiron habilitar arredor de 700 metros cadrados de superficie e concentrar nun mesmo espazo os servizos agrarios, veterinarios, administrativos e forestais.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este xoves as dependencias, acompañada pola secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés, e polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Durante o percorrido, destacou a importancia destes servizos para a cidadanía do rural, que pode acudir a eles para realizar consultas e xestións relacionadas cos ámbitos agrícola, gandeiro e forestal, así como tramitar axudas, subvencións e outros procedementos vinculados ás súas explotacións.
As actuacións realizadas permitiron rehabilitar e unir varios inmobles situados no baixo no que se atopa a oficina. Segundo explicou Gómez, o obxectivo é mellorar tanto a atención que se presta á cidadanía como as condicións dos profesionais que desenvolven alí o seu traballo.
A sede tamén alberga as dependencias do Distrito Forestal e a Base de Unidades Operativas (BUO) para o persoal de loita contra os incendios. A integración destes servizos nun mesmo espazo facilita as xestións e evita desprazamentos innecesarios aos usuarios. Ademais, contribúe a mellorar as condicións de traballo e descanso dos profesionais que prestan servizo nesta contorna.
En total, arredor dunha trintena de persoas traballan nestas instalacións, que reúnen distintos servizos de atención e apoio ao sector primario e forestal.
Durante a visita, a conselleira lembrou que Galicia dispón dunha rede de 69 oficinas rurais repartidas por todo o territorio, desde as que se ofrece un servizo fundamental para as persoas que viven e traballan no rural. Gómez asegurou que a Consellería continuará traballando para mellorar esta rede, coa optimización da atención cidadá como principal prioridade.