A oitava edición Trail das Bestas de Muras celebrarase o 8 de novembro

Muras acollerá o vindeiro 8 de novembro a novena edición do Trail das Bestas, unha cita de referencia no calendario galego de carreiras por montaña e integrada no circuíto Galicia Trail Running Series.
A proba ofrece as catro tradicionais modalidades de participación: Maratón, de 43 quilómetros e 2.100 metros de desnivel, o Trail Classic, de 27 quilómetros con 1.400 de desnivel, Trail Curto, de 14 quilómetros e 700 de desnivel, e a Andaina, de 8 quilómetros de 350 de desnivel. A estas súmase este ano o Mini Trais, que terá o mesmo percorrido que a andaina.
Os percorridos comezan na área recreativa da Veiga e desenvólvense na contorna de Muras, aproveitando as paisaxes que ofrece a Serra do Xistral e a ribeira do Eume, un dos grandes alicientes da proba, xunto ao nivel de esixencia deportiva.
A participación establece un número máximo de 600 atletas e o prazo para anotarse manterase aberto ata o 4 de novembro. A programación dará comezo ás 8.30 coa saída da maratón. A partir das 10.00 e cada media hora sairán o resto de probas para pechar coa andaina, ás 11.10 horas.
Haberá premios para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres que rematen a proba nas categorías xeral, sénior, máster 1 e máster 2, agás na andaina, que non é competitiva.
O Trail das Bestas de Muras foi distinguido como mellor trail de Galicia na Gala Anual de Trail Running da Federación Galega de Atletismo, celebrada no mes de xaneiro no Teatro Principal de Ourense. Este recoñecemento consolida a proba como unha das citas deportivas máis destacadas do calendario galego de montaña.