A oposición en Outeiro de Rei solicita un Pleno Extraordinario para poder debater as súas propostas
Os voceiros dos grupos do BNG, FLI e PSOE en Outeiro de Rei anunciaron a presentación da solicitude de convocatoria dun Pleno Extraordinario no concello de Outeiro de Rei para poder debater as iniciativas que pensaban presentar para o pleno ordinario do mes de decembro e que o alcalde impediu convocando o Pleno cinco días antes do que o facía habitualmente, co que os grupos da oposición aínda non tiñan presentado as súas iniciativas para ese Pleno.
A lei contempla que dende que se fai a convocatoria do Pleno xa non se poden incluír outras propostas na orde do día, polo que na práctica estase a impedir totalmente o tratamento das propostas da oposición. “Ao alcalde véselle cada día máis nervioso e está facendo o todo o posible para acalar á oposición, evitando debater publicamente os graves problemas que ten Outeiro, aínda que non o vai lograr”, manifestaba o voceiro do BNG, Xosé Ferreiro.
Hai que lembrar que o señor Pardo xa intentou o pasado mes de outubro que non se celebrara o Pleno, véndose obrigado a convocalo case un mes despois da data que lle correspondía e logo de que a oposición recorrera á Valedora do Pobo solicitando o seu amparo. “Parece completamente ilóxico e ata antidemocrático estar a artellar fórmulas para que a oposición non faga propostas, cando foi a cidadanía a que nos puxo aquí, sendo a nosa obriga facelas e a do alcalde escoitalas”, manifestou pola súa banda a voceira de FLI, Malena Ron.
Esta situación nunca ocorrera en Outeiro de Rei e sería completamente impensábel en calquera institución que traballe cun mínimo de seriedade. “Habería que ver como reaccionaría o señor Pardo se se fixera algo parecido, por exemplo na Deputación, onde el é Deputado e se convocase un Pleno antes de que o PP presentara as súas propostas, que sempre o mesmo día”, rematou a voceira do PSOE Luísa Lombao.
Urbanismo, democratización do concello e sanidade son as propostas que leva a oposición
Os temas propostos para tratar neste pleno extraordinario son parte dos que estes grupos da oposición ían levar ao Pleno Ordinario. Dese Xeito, o BNG leva unha iniciativa para que o concello proceda a modificar a lexislación urbanística na vila de Outeiro para que se elimine o proxecto de vías se servizo nas dúas marxes da N-VI ao seu paso pola vila, así como a solicitude de transferencia dese tramo de estrada ao concello debidamente arranxado e coas medidas de seguridade necesarias construídas.
Do mesmo xeito, FLI propón que se elabore de forma consensuada un regulamento de funcionamento do Pleno que contemple, por exemplo, ata cando se poden presentar propostas para a súa inclusión na orde do día, os tempos de intervención dos grupos ou incluso a orde de intervención nos distintos asuntos. Finalmente, a proposta do PSOE vai na liña de que o SERGAS asuma todas as competencias relativas aos centros de saúde, liberando desas obrigacións aos concellos, así como que se elaboren informes periódicos sobre as posibles deficiencias detectadas nestes. Na proposta tamén se solicite que estes centros teñan o persoal suficiente para facer o seu traballo con toda a eficiencia.