A Pastoriza e Xermade acollen as finais do Xogade de tenis de mesa e duatlón

TerraChaXa
A Xunta convoca mañá sábado a preto de 200 escolares na Terra Chá para disputar as finais provinciais de tenis de mesa e duatlón do Xogade
duatlon escolar xermade trafico
28 Abr 2023

A Xunta de Galicia convoca mañá sábado a preto de 200 escolares na Terra Chá para disputar as finais provinciais de tenis de mesa e duatlón do programa de deporte escolar Xogade. Participan equipos das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto femininas como masculinas.

Así, a partir das 9,30 horas e durante a mañá celebraranse no pavillón polideportivo da Pastoriza as finais de tenis de mesa, nas que competirán 88 rapaces e rapazas. A maioría son equipos de centros educativos, aínda que tamén hai entidades deportivas, e proceden de Foz, Meira, San Cibrao (Cervo), Rábade, Ribadeo, Vilalba e da propia Pastoriza.

Pola tarde, Xermade acollerá a proba de duatlón, con saída ás 16.00 horas na Praza do Concello. Congrega a un centenar de deportistas de sete clubs: O Cidade de Lugo-Fluvial, Tripenta Terras de Lugo, a Asociación Polideportiva San Ramón de Vilalba, a Asociación Deportiva San Roque de Viveiro, o Club de Atletismo Ría de Foz, Maderas Naciente Lourenzá Cervo e Verxel Nutrición Deportiva.

Debido á celebración desta proba, durante a mesma estará cortado ao tráfico dous tramos da LU-P-2201 (estrada de Candamil, desde A Ribeira ata o cruce coa LU-P-2205, estrada que vai a Momán) e a LU-P-2205 (desde o cruce coa LU-P-2201, diante do Concello, ata o cruce coa Lu-170 (no parque empresarial de Xermade).

A Secretaría Xeral para o Deporte, coa colaboración das federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares, desenvolve o programa Xogade atendendo ao calendario do curso escolar, cunha duración xeral de setembro a xuño.

Combina actividade deportiva escolar e federada; no presente curso suma na provincia 6.743 participantes no que respecta á oferta concreta de deporte escolar, e asumiu ademais os seguros deportivos doutros 10.600 rapaces e rapazas, dado que inclúe os dos deportistas federados de entre 6 e 16 anos.

0.22279095649719