A Pastoriza inicia un programa de actividades para promover a igualdade da muller

TerraChaXa
Mulleres do Miño é unha iniciativa da delegación de Muller e Igualdade do Concello da Pastoriza que ten como obxectivo contribuír desde o eido local a visibilizar a realidade das mulleres e promover a concienciación cidadá sobre a necesidade dunha igualdade real e efectiva, así como incidir na recuperación da memoria das mulleres da comarca.
23 Sep 2020

Mulleres do Miño é unha iniciativa da delegación de Muller e Igualdade do Concello da Pastoriza que ten como obxectivo contribuír desde o eido local a visibilizar a realidade das mulleres e promover a concienciación cidadá sobre a necesidade dunha igualdade real e efectiva, así como incidir na recuperación da memoria das mulleres da comarca. "Mulleres do Miño aposta por iniciativas culturais e educativas como medios para axitar conciencias e transformar a realidade. O programa actuará como paraugas baixo o que se poderán celebrar actividades relacionadas coa igualdade durante todo o ano", explicou a concelleira Elva Carrera.

As iniciativas de Mulleres do Miño comezan este xoves, 24 de setembro ás 20:00 horas na praza de Galicia, coa inauguración a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Elva Carrera González da exposición As conquistas do feminismo. Esta mostra, elaborada por alumnado de centros educativos galegos, permanecerá na Pastoriza ata o 25 de outubro.

Durante os meses de outubro e novembro as iniciativas do programa estenderase aos centros educativos do concello, con actividades de contacontos centradas en figuras femininas galegas e dirixidas a educación infantil e primaria a cargo do colectivo creativo Polo correo do vento. Asimesmo, para o ensino secundario abordaranse propostas artísticas e literarias. O programa contempla que de non ser posible a realización das actividades nos centros por mor da covid-19 estas se poidan realizar en instalacións municipais dirixidas ao público familiar ata completar o aforo.

Por outra banda o vindeiro sábado 17 de outubro ás 20:00h no auditorio da Casa do Concello e coincidindo cos actos do Día Internacional da Muller Rural que se celebra o 15 de outubro, terá lugar un cine fórum coa proxección do documental Tecido Resistente, un filme documental que narra a historia de centos de mulleres que cambiaron por completo a economía e a organización social de toda unha comarca no inicio do século XX en Galicia. "Agora, máis de 50 anos despois do peche da fábrica Hilados y Tejidos de Vilasantar, escoitamos esta historia a través da voz das súas protagonistas. No acto contaremos coa presenza de Marina Chiavegatto, directora da película, para o posterior coloquio", explica Carrera.

A programación do ano 2020 de Mulleres do Miño pecharase o venres 27 de novembro ás 20:00h coa presentación do libro Invisibles. Relatos do maltrato, sete historias reais de malos tratos coas que visibilizar as vítimas da violencia machista e a onda expansiva que estes episodios provocan ao seu ao redor. Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña son, ao seu pesar, as sete valentes protagonistas deste libro, mulleres que sufriron violencia física, verbal ou emocional a mans das súas parellas. Historias que lle chegaron á autora do libro a través dos CIM (Centros de Información á Muller) e que busca concienciar á sociedade de que “non se pode mirar cara outro lado”. Neste acto participará Montse Fajardo, autora do libro.

Ademais das iniciativas destinadas ao público, o programa contempla afondar na vida de figuras femininas da comarca para axudar a seguir escribindo a historia da Pastoriza en feminino.

Este proxecto, que conta coa súa propia páxina de Facebook, acadou a cuantía máxima da subvención concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia que ascende a 8.000 euros.

Desde a Delegación de Muller e Igualdade da Pastoriza queremos incidir en que todas as actividades do programa se levarán a cabo con todas as garantías sanitarias cumprindo estritamente as ordes e recomendacións que en cada momento diten as autoridades.

0.15793085098267