A PAU arranca hoxe en Galicia con 13.441 estudantes matriculados

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
As probas celébranse nas facultades das principais cidades galegas e ademais, tamén hai sedes habilitadas en institutos de Cee, Viveiro e A Rúa
exame-abau-selectividade
2 Jun 2026

Un total de 13.441 estudantes matriculáronse este ano na Proba de Acceso á Universidade (PAU) en Galicia, unha cifra que supera en 495 alumnos a rexistrada na convocatoria anterior. Os exames comezan hoxe e desenvolveranse ata o mércores 4 de xuño en 36 sedes distribuídas en dez municipios das catro provincias galegas.

Segundo informou a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), a maior parte do alumnado realizará as probas na provincia da Coruña, que concentra o 46,76% dos matriculados. A área de Vigo reúne o 33,63%, mentres que Lugo contará co 10,14% dos estudantes e Ourense co 9,47%.

As probas celébranse nas facultades das principais cidades galegas, entre elas Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense. Ademais, tamén hai sedes habilitadas en institutos de Cee, Viveiro e A Rúa.

Por cidades, Vigo é a localidade con maior número de estudantes presentados, con 3.026 alumnos, seguida da Coruña, con 2.855, e Santiago, con 2.472. Pontevedra conta con 1.494 matriculados, Ourense con 1.229 e Lugo con 1.049. En Ferrol examínanse 832 alumnos, mentres que Viveiro acolle 224, A Rúa 134 e Cee 126.

A PAU arranca esta mañá cunha sesión informativa ás nove, previa ao primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura, programado entre as 10.00 e as 11.30 horas. Ao mediodía será a quenda de Historia de España ou Historia da Filosofía.

Xa pola tarde celebraranse distintas materias específicas, entre elas Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica e Movementos Culturais e Artísticos. A xornada completarase con exames de Debuxo Técnico, idiomas estranxeiros e Historia da Música e da Danza.

O mércores 3 de xuño abrirase coa proba da primeira lingua estranxeira. Ao longo da mañá e da tarde desenvolveranse exames como Bioloxía, Física, Química, Xeografía, Historia da Arte, Grego ou Empresa e Deseño de Modelos de Negocio, entre outras materias.

A selectividade rematará o xoves 4 de xuño coa proba de Lingua Galega e Literatura, que volverá celebrarse na última xornada, obrigando así á práctica totalidade do alumnado a acudir aos tres días de exames. A continuación terán lugar as probas de Matemáticas II, Latín II, Artes Escénicas, Debuxo Artístico II, Análise Musical II e Ciencias Xerais.

0.12679100036621