A piscina municipal de Guitiriz abrirá a tempada este luns con novidades no sistema de acceso

O Concello de Guitiriz anunciou a apertura da piscina municipal para este luns, 29 de xuño, a partir das 14.00 horas, dando así comezo á tempada estival nas instalacións municipais.
Entre as principais novidades deste ano destaca a eliminación do pagamento en efectivo na propia piscina. A partir desta campaña, as persoas usuarias que desexen adquirir a entrada diaria deberán facelo exclusivamente a través dun código QR habilitado nas instalacións, que permitirá realizar o pagamento de forma dixital. O prezo da entrada diaria será de 2,50 euros.
O Concello informou tamén de que tanto as entradas como os bonos de tempada poderán adquirirse previamente a través da Sede Electrónica Municipal ou de maneira presencial na Casa do Concello. Nestes casos, as persoas empadroadas no municipio poderán beneficiarse dos descontos establecidos.
Ademais, a administración local lembrou que as entradas e bonos correspondentes a tempadas anteriores que non fosen utilizados continúan sendo válidos, polo que poderán empregarse durante a campaña deste verán sen necesidade de realizar ningún trámite adicional.
Desde o Concello sinalan que estas medidas buscan modernizar o sistema de acceso ás instalacións e facilitar a xestión dos servizos municipais, ao tempo que animan á veciñanza e ás persoas visitantes a desfrutar da nova tempada da piscina municipal.