A Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes constitúese como asociación

TerraChaXa
Con esta transformación, a asociación inicia unha nova etapa co obxectivo de reforzar a defensa, divulgación e valorización do patrimonio industrial
cheminea-as-pontes-endesa
15 Apr 2026

A Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes vén de dar un paso decisivo ao aprobar, por unanimidade na súa XX Asemblea, a súa transformación nunha asociación legalmente constituída. A nova entidade, que pasa a denominarse Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes, nace como herdeira directa da plataforma, asumindo os seus valores, traxectoria e recursos como base do seu patrimonio inicial.

Esta nova etapa permitirá ampliar o ámbito de actuación da organización, que estenderá o seu traballo á defensa de calquera elemento do patrimonio industrial, non só no ámbito local, senón tamén a nivel galego, estatal e internacional. Entre os acordos adoptados destaca tamén o establecemento dunha cota anual de 15 euros e a garantía de independencia política da súa xunta directiva mediante declaracións responsables de incompatibilidades.

A asociación manterá como liñas prioritarias a protección e posta en valor de elementos emblemáticos do patrimonio industrial pontés, como a cheminea —para a que continúa en marcha o proceso de declaración como Ben de Interese Cultural—, o Parque de Carbóns e a Unidade Funcional composta pola torre de refrixeración, a caldeira e a turbina.

Desde a entidade fan un chamamento á cidadanía para que se sume a este novo proxecto, formalizando a súa adhesión e contribuíndo á conservación dun legado industrial clave para a identidade do territorio.

A xunta directiva fundadora estará presidida por Juan Bellas Díaz, con Chucho Ramos Lage na vicepresidencia e Miño Guerreiro Rodríguez na secretaría. Completan o equipo José Antonio Cebreiro na tesourería, Pepe Coello Coello como vogal de prensa, Antón Carballo en patrimonio, Manuel Souto como vogal institucional e Jenel Vérez Díaz como vogal.

Con esta transformación, a asociación inicia unha nova etapa co obxectivo de reforzar a defensa, divulgación e valorización do patrimonio industrial das Pontes, consolidándose como un actor clave na protección deste legado histórico e cultural.

0.13327383995056