A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia o déficit de vacinas antigripais

TerraChaXa | AMariñaXa
A Plataforma Sanitaria da Mariña di que moitos centros de saúde non dispoñen das doses suficientes para vacinar da gripe.
comarcaswebdestacada
comarcaswebdestacada
2 nov 2020

A Plataforma Sanitaria da Mariña ven de coñecer que, pese a que as autoridades sanitarias e o Sergas chamaron a unha vacinación antigripal masiva da poboación, moitos centros de saúde non dispoñen das doses suficientes para vacinar a todas as persoas que teñen citadas, e mesmo teñen que voltar á casa sen poñer a vacina. Este feito está a producir malestar e incluso indignación nos usuarios, pois atópanse con que non hai vacinas suficientes a pesar de que estamos no inicio da campaña de vacinación.

Ao parecer, e segundo información achegada a este colectivo sanitario, o problema radica nas vacinas para menores de 65 anos, e casualmente neste rango de idade está a aumentar moito a demanda de vacinación, en resposta á campaña mediática feita polo goberno da Xunta para evitar solapamentos entre os picos de gripe e os brotes da covid-19 e desconxestionar así os hospitais e centros de saúde.

Desde a Plataforma Sanitaria "esiximos aos responsables sanitarios que se deixen de culpabilizar e criminalizar unha vez máis ao persoal sanitario e doten de todas as doses de vacinas que se precisen nos centros, para asegurar que toda a poboación que o desexe ou precise, sexa vacinada". "O persoal, tanto sanitario como administrativo, está a facer un inmenso traballo de asistencia , rastrexo e seguimento de casos sumado a toda actividade que xa teñen que realizar habitualmente", engade dende a plataforma.

Neste sentido a coordinadora do colectivo, Montse Porteiro manifestou que “ as declaracións feitas desde a Consellería de Sanidade culpabilizando e acusando ao persoal de mala xestión son inadmisibles e compre que  o Goberno da Xunta asuma as súas responsabilidades e deixe de culpabilizar ao persoal da súa propia incompetencia.”