A Ponte Vella de Rábade

TerraChaXa
Por Miriam Fernández Rábade é un concello da Comarca de Lugo, limítrofe con Outeiro de Rei e Begonte, aínda que cultural e tradicionalmente se vencella máis coa área comarcal da Terra Chá.
Míriam Fernández
18 Maio 2020

Por Miriam Fernández

Rábade é un concello da Comarca de Lugo, limítrofe con Outeiro de Rei e Begonte, aínda que cultural e tradicionalmente se vencella máis coa área comarcal da Terra Chá. Este concello, segregado de Begonte en 1925, está constituído por unha única entidade de poboación, a vila de Rábade, a cal se converteu nun importante núcleo de comunicación e servizos vencellados á súa situación xeográfica estratéxica cara Lugo e a Coruña, característica acentuada pola construción da liña de ferrocarril do Noroeste no 1875 e que tiña parada nesta localidade. Aínda que a día de hoxe a pegada que deixou o ferrocarril esmoreceu en boa medida, este concello segue a ofrecer unha interesante mostra da súa historia e patrimonio cultural que atrae a numerosos turistas.

Rábade foi dende antigo un lugar de tránsito importante da Chaira, pois polo concello discorre parte da Vía XX (per loca marítima), calzada romana recollida no Itinerario de Antonino. Este roteiro unía as cidades de Brácara e Asturica Augusta bordeando o litoral atlántico da Gallaecia, pasando polas cidades de Brigantium e Lucus Augusti, onde se conectaba á Vía XIX, que comeza na vertente atlántica até Brigantium, a actual Betanzos.

Durante a Idade Media Rábade seguirá manténdose como localización viaria importante naqueles traxectos que unían Vilalba-Rábade e Rábade -Parga, período do que tamén se conserva un dos elementos patrimoniais máis importantes e característicos do Concello: a Ponte Vella de Rábade. 

Esta ponte de fábrica medieval, datada aproximadamente dos séculos XIV-XV pero cunha máis que posible orixe romana, funcionaba neste lugar e nestes tempos como paso e portádego sobre o Miño, é dicir, aqueles mercaderes que desexaban atravesar a ponte cos seus produtos tiñan que pagar unha peaxe ou imposto obrigatoriamente. O pago facíase efectivo nun edificio a carón dela, unha construción que perviviu no tempo (coas pertinentes modificación) e que se convertería na Antiga Casa Consistorial. Actualmente neste lugar atópase a Casa das Insuas, un Centro de Conservación e Estudo da Natureza autoxestionado por e para entidades e persoas con inquedanza polo coñecemento e conservación do medio natural.

A ponte foi construída mediante cachotaría de lousa cun total de sete arcos apuntados polos que discorre o cauce do río. Como é habitual, nos piares dos arcos que corresponden directamente coa traxectoria da auga, proxéctanse os correspondentes tallamares en forma de quilla, empregados para cortar a e repartir a corrente cara os arcos, actuando coma contrafortes e ofrecendo deste xeito maior resistencia á forza da auga e ós posibles danos que ocasionaría o seu continuo bater na estrutura. A parte superior deste tallamaes remata de xeito escalonado.

As varandas superiores da ponte mostran claramente a incidencia dunha remodelación posterior, do mesmo xeito que a propia calzada, adecuadas paulatinamente segundo as necesidades do tránsito que as atravesa, conectando directamente co veciño concello de Outeiro de Rei (límite municipal). Preto desta ponte tamén atopamos a ponte do ferrocarril e da ponte nova de Rábade.

Dende as súas orixes romanas, pasando por as súas función medievais de “porta comercial da vila”, a Ponte Vella acompañará a historia deste Concello e será escenario de fazañas militares (“Ponte de Rávade”, asedio da fortaleza da Caldaloba., s.XV), resistirá o paso das tropas napoleónicas e será testemuña do establecemento dun acantonamento militar carlista (escenario de fusilamentos), entre outras historias, ollando pouco a pouco como se incorporan á vila as innovacións contemporáneas do tráfico rodado ou a chegada do ferrocarril.

A importancia histórica da Ponte Vella de Rábade prevalece e manifestase claramente aínda a día de hoxe, non só como vía de paso ou elemento patrimonial e turístico, se non que tamén forma parte do seu escudo municipal.

ponte Rabade 2
0.10514497756958