A Pontenova foi o lugar escollido para unha nova etapa do ‘Guitiriz en Ruta’ con 37 participantes

Un total de 37 persoas participaron o pasado domingo, 27 de outubro, nunha nova saída da oitava edición do ‘Guitiriz en Ruta’, o programa de sendeirismo organizado polas Escolas Deportivas Municipais de Guitiriz coa colaboración do Concello de Guitiriz.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
Antes de iniciar a andaina, os participantes achegáronse ata a Oficina de Turismo da Pontenova, onde foron recibidos por Carlos, técnico de Turismo do municipio. Durante o encontro, explicou ao grupo a importancia que tivo a industria do ferro no desenvolvemento da Pontenova, desde a extracción do mineral nas minas da zona ata o seu tratamento nos fornos de calcinación e o posterior transporte por ferrocarril.
Neste sentido, o técnico explicou tamén como o mineral era trasladado pola antiga vía ferroviaria ata o cargadeiro de Porto Estreito, situado na entrada da ría de Ribadeo, desde onde se cargaba posteriormente nos barcos. Ademais, compartiu co grupo diferentes curiosidades sobre a vila e sobre os lugares polos que transcorrería a ruta.
Unha das curiosidades da xornada foi descubrir que a actual Oficina de Turismo da Pontenova está situada no edificio da que fora a antiga estación de ferrocarril de Vilaoudriz, unha mostra da estreita relación da localidade coa actividade mineira e ferroviaria.
Ao longo dos 17 quilómetros, os participantes puideron desfrutar dunha fermosa paisaxe e coñecer parte do patrimonio industrial, natural e etnográfico da zona, combinando os diferentes percorridos nunha xornada de sendeirismo.
A pesar de que a previsión meteorolóxica anunciaba choiva, a xornada estivo marcada por unhas temperaturas moi agradables e apenas caeron unhas pingas ao longo do percorrido. As condicións permitiron desfrutar plenamente dunha fermosa ruta e dun domingo de sendeirismo en boa compaña.