A Pousada de Pepa a Loba
Por Miriam Fernández
Se certamente existiu Pepa a Loba non está de todo claro, algúns datos apuntan que así foi, que Pepa era unha muller de carne e oso, máis outros tantos debúxannola claramente coma unha figura mítica do bandoleirismo galego do século XIX, unha alma libre que percorreu Galicia acompañada dunha banda de homes cos que asaltaba os camiños, atacando con particularidade e ós ricos, caciques e cregos, mentres que prestaba axuda ós pobres, ó xeito do afamado Robin Hood inglés.
As lendas contan que Pepa naceu no norte da provincia de Pontevedra, filla de nai solteira, quedando tras a morte desta ó coidado dun tío carniceiro e ladrón, de quen aprendería o oficio. Neste contexto, agravado tras ser violada sendo unha nena (tamén se conta que presenciou o mesmo abuso sufrido pola nai), forxou nela un carácter fero, rebelde e afoutado. Din que o alcume lle veu por darlle morte a un lobo mentres alindaba as ovellas no monte, aínda que outras versión afirman que o adquiriu da Serra da Loba, localizacións por onde operaba sendo xa unha bandoleira, cuestión que a relaciona tamén coa imaxe da Raíña Lupa e incluso como “Peeira de lobos”, personaxe mitolóxico que convive e se comunica con estes animais capitaneando unha manda ó seu antollo.
Tras ser acusada falsamente de matar o tío, ingresaría na cadea, vingándose á súa saída do home que a encarceou falsamente e de todos aqueles que cometían crimes (tendo ben en conta o abuso que sufrira de pequena), dando a coñecer o seu lema “home morto non fala”. A partir de entón forxaría a imaxe de muller cruel, sanguinaria, indomable e capaz de gobernar a súa propia cuadrilla de homes cos que percorría os camiños e montes galegos na procura dos seus botíns. A súa figura representaba claramente a antítese do “rol feminino tradicional”, un comportamento descrito coma falto de sensibilidade e piedade que situaría a morte do seu propio fillo nas súas mans, ademáis dun marcado carácter dominante e promiscuo os ollos da sociedade. Tamén se fala da posibilidade de que existiran varias Pepa a Loba, alcume que herdarían outras mulleres bandoleiras e que explicaría a cantidade de referencias sobre esta figura por toda Galicia.
A lenda di que casou con un dos seus homes e adquiriu en Xermade unha pousada, no lugar da Abelleira, situada á veira do Camiño Rela que enlazaba Mondoñedo e Ferrol ó seu paso polo Concello. Nesta fonda daba comida e pousada ós camiñantes, unha actividade moito máis relaxada que a habitual nun intento de levar unha vida máis tranquila e familiar tras quedar embarazada de novo. Aínda así proseguiría esporádicamente coa súa actividade delitiva, a cal retomaría coa morte do seu home, asasinado na pousada Sidoro, no lugar de O Carrizo, en Santaballa.
A pousada de Pepa a Loba é real, polo menos o edificio que segue en pé na Abelleira, unha casa de grandes dimensións con teitume de lousa a catro augas e paredes de cachotaría e granito. Sobre as marxes da porta principal de acceso ó inmoble, consérvanse dúas curiosas troneiras defensivas por onde se enfiarían as bocas das armas que protexerían a porta ante calquera ataque.
Da súa estadía por estas terras consérvanse cantigas coma a seguinte:
Aínda lembran os máis vellos
de Pepa A Loba andanzas
por Xermade e por Cospeito,
por Muras e Santabaia.
Cometeu roubos e crimes,
viviu no monte escondida
ata que un día quedou
a súa banda diminuída.
Pepa viviu cun home
que por marido trataba
nunha casa en Roupar
que está preto de Vilalba.
Alí morrería un día
na abelleira instalada,
viúva e coidando un fillo
e non se soubo máis nada.
Antonio Rei Soto, Aurelio Miras Azor ou Carlos Reigosa, foron algúns dos escritores que tamén crearon novelas e recolleron información sobre Pepa a Loba contribuíndo a conformar o mito sobre esta muller bandoleira, un prototipo que seguiría inspirando historias, artistas e a músicos do país séculos despois (Herdeiros da Crus, a Banda da Loba, Os Fillos da Loba, etc.). Como ben di Reigosa “se cadra, sempre houbo ―e hai―unha Loba rebelde e irmandiña na nosa terra. Porque é ben certo que, cando unha lenda engarabita polas pernas da historia, ambas as dúas ―historia e lenda― acaban por fundírense para sempre, irremediablemente”.