A praga da avespiña do castiñeiro

TerraChaXa
Por Raul Río O castaño é unha das arbores mais importantes da nosa nación.
10 Sep 2019

Por Raul Río

O castaño é unha das arbores mais importantes da nosa nación. Uns din que o introduciron os romanos alá polo ano 200 da nosa era, aínda que un estudo da Universidade de Oviedo afirma que leva aquí desde fai 21.000 anos, nada menos que desde o período glaciar. Fose dun ou doutro xeito forneceunos de castañas, que foron un alimento esencial dos nosos devanceiros ata a chegada da pataca e era un dos agasallos que facía aos nenos polo nadal o noso Apalpador para que estiveran ben mantidos, moito tempo antes da invención dos Reis Magos e do Cristianismo. Hoxe a recollida de castañas e a súa comercialización é un complemento necesario para a economía de moitas familias do noso maltratado rural, sen as cales aínda se vería mais arruinado.
Temos soutos e castaños milenarios coma o de Baamonde, ao que o escultor Víctor Corral tallou, no seu oco interior, un altar á Virxe do Rosario para salvalo da serra, cando no ano 1971 o querían cortar para ampliar a estrada da “Nacional VI”; unha obra de arte que lle salvou a vida.
A súa madeira é unha das mais nobres e bonitas que temos. Dela estaban feitos os berces que arrolaban os nosos primeiros sonos e as camas nas que soñábamos con un futuro mellor; con amores e desamores na nosa xuventude e nas que remataban as andanzas dos nosos maiores. Pero non paraba aí a utilidade desta preciosa madeira, pois debido a súa beleza tamén se utilizaba en chineiros, mesas, portas, ventás, bancos e cadeiras nas que descansabamos. Debido a que ao castaño non lle entra a couce, as huchas onde se gardaba o gran para facer o pan durante todo o ano eran tamén desa fermosa madeira.
Sen embargo agora o castaño está en perigo por mor dunha pequena avespiña do tamaño dun gran de arroz, chamada cientificamente Dryocosmus kuriphilus, procedente de Asia, que pon os ovos nas xemas do castaño. Logo esas xemas que dan lugar as follas ábrense na primavera seguinte e as larvas empezan o seu desenrolo. Neste proceso fórmanse nas follas e nos brotes da árbore uns pequenos tumores, unhas bolas carnosas dentro das que se alimentan as larvas, facendo descender a produción de castañas e chegando a enfermalo, xa que as xemas abertas deixadas polas avespiñas poden ser usadas como vía de entrada para que o fungo e a micoses infecte os tecidos do castaño, podendo chegar a secalo.
Parece ser que o único medio de parar esta praga é soltando exemplares do parasito Torymus sinensis, o seu depredador natural, e soltando suficientes individuos pódese chegar a controlar a praga nuns cinco anos, como xa fixeron no Xapón e na China, por iso desde aquí quero emprazar aos sindicatos agrarios, FRUGA e Comisións Labregas, para que soliciten da Xunta de Galiza, a solta necesaria do Torymus sinensis, xa que é a medida mais eficaz para rematar con esta avespiña que nos pode deixar sen castañas e sen castiñeiros, sendo esa administración a única que pode facelo, pois so ela ten acceso a ese depredador.
Nunca un parasito foi tan necesario coma neste caso.

0.14128804206848