A Praza de Abastos de Vilalba celebra este domingo unha xornada especial polo terceiro aniversario da Estruga

TerraChaXa
A cita reunirá produtores locais, postos de artesanía e produtos da terra nunha mañá dedicada ao comercio de proximidade
vilalba-aniversario-a-estruga
4 Jul 2026

A Praza de Abastos de Vilalba acollerá este domingo, 5 de xullo, unha xornada especial con motivo do terceiro aniversario da Asociación A Estruga, unha iniciativa que busca poñer en valor a produción local e dinamizar a actividade comercial do municipio.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, participaron na presentación desta celebración xunto a representantes da asociación, destacando a importancia deste tipo de iniciativas para apoiar aos produtores e produtoras da contorna e fomentar o consumo de proximidade.

A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas na Praza de Abastos e contará coa participación dos integrantes da Estruga, aos que se sumarán postos de artesanía e de produtos da terra. Deste xeito, o recinto converterase nun punto de encontro para a veciñanza e para todas aquelas persoas interesadas en coñecer e adquirir produtos locais de calidade.

Desde o Concello salientan que a xornada será tamén unha oportunidade para achegarse ao ambiente tradicional da feira en Vilalba e contribuír ao impulso do pequeno comercio e da economía local.

A celebración enmárcase nos actos conmemorativos do terceiro aniversario da Asociación A Estruga, que continúa traballando na promoción dos produtos de proximidade e no fortalecemento das redes de comercialización locais.

0.13069295883179