A presión sanitaria nos PAC chega ao Pleno da Deputación de Lugo

O Grupo Provincial Socialista levará ao Pleno ordinario da Deputación de Lugo, previsto para este martes no Pazo de San Marcos, unha moción para esixir á Xunta a retirada do decreto que modifica o modelo de atención sanitaria dos sábados pola mañá.
Os socialistas sosteñen que esta reorganización supón un recorte na sanidade pública, especialmente nunha provincia como Lugo, marcada pola dispersión territorial, o envellecemento da poboación e as dificultades de mobilidade en numerosos concellos rurais. Segundo denuncian, o novo sistema implica o peche de consultas nos centros de saúde, concentra a asistencia nos Puntos de Atención Continuada e obriga a moitos pacientes a desprazarse máis lonxe para recibir atención.
O PSdeG critica tamén que a medida fose aprobada de maneira unilateral, sen diálogo cos profesionais sanitarios e modificando as súas condicións laborais. Ao seu xuízo, a Xunta traslada ao persoal e aos pacientes as consecuencias da falta de planificación e incrementa a carga asistencial nun servizo que xa arrastra problemas pola escaseza de recursos.
A moción reclama a anulación do decreto aprobado en abril e a recuperación do modelo asistencial anterior. Tamén propón crear un espazo de traballo con profesionais da atención primaria e dos PAC para analizar as necesidades reais do servizo e formular solucións consensuadas.
Os socialistas pedirán ademais medidas específicas para reforzar a asistencia durante o verán, unha época na que moitos municipios lucenses incrementan a súa poboación pola chegada de visitantes, emigrantes retornados, festivais e outras actividades.
O Grupo Provincial Socialista defende que o acceso á sanidade pública non pode depender do lugar de residencia e reclama unha atención próxima, suficiente e de calidade para a veciñanza da provincia.