A primeira planta de hidróxeno verde de Galicia, que se fai nas Pontes, inicia a súa tramitación

TerraChaXa
A primeira gran planta de hidróxeno H2) verde de Galicia inicia este mes a súa tramitación administrativa e ambiental.
PLANTA HIDROXENO LIQUIDO REGANOSA AS PONTES
7 May 2022

Despois de dous anos e medio de traballos previos, a primeira gran planta de hidróxeno (H2) verde de Galicia inicia este mes a súa tramitación administrativa e ambiental. Trátase dunha instalación de produción mediante electrólise utilizando a auga do lago das Pontes e novas fontes de enerxía limpa. Promóvea Reganosa conxuntamente con EDP Renovables (EDPR).

Esta terminal de elaboración de hidróxeno foi concibida para a súa acometida en fases acumulativas de 20, 30 e 50 megawatts de potencia, para, completado o seu desenvolvemento, alcanzar un global de 100 MW. Cunha capacidade produtiva anual de ata 14.400 toneladas de H2 para distribución por cisterna e inxección a hidroducto, espérase que evite mensualmente a emisión á atmosfera de máis de 12.000 toneladas equivalentes de dióxido de carbono.

A materialización do complexo requiriría unha superficie inicial de 35.000 metros cadrados. A súa operación e mantemento xerarían 50 empregos directos e 55 indirectos, mentres que na construción intervirían directamente 186 profesionais máis 52 de maneira indirecta. Na contratación de traballadores e provedores priorizaríanse os do lugar e, particularmente, aqueles afectados polo cesamento de actividade na térmica de carbón.

Este proxecto forma parte do Polo para a Transformación de Galicia, articulado pola Xunta de Galicia. Polas súas características, a iniciativa alíñase cos obxectivos que perseguen o EU Green Deal e o programa Next Generation; o Plan Nacional de Enerxía e Clima, a Estratexia Española de Transición Xusta, e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; e o Pacto de Estado por Ferrol, a Lei de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia, e a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Desde que Reganosa comezou a traballar nel, a finais de 2019, a concepción deste plan acumula 20.000 horas de desenvolvemento nas que se viron involucradas dalgunha maneira 30 empresas e organismos. Entre outras tarefas executadas, elaboráronse estudos de viabilidade, análise de mercado, estratexias comerciais, ferramentas dixitais específicas e a enxeñería conceptual e básica, labor esta última para a cal resultaron fundamentais os servizos de Inerco. Recentemente incorporouse ao proxecto como socio tecnolóxico Siemens Energy, un referente mundial no sector.

A primeira gran planta de hidróxeno renovable de Galicia forma parte dunha actuación maior e integral que EDPR e Reganosa impulsan co ánimo de converter Ferrolterra en capital da enerxía verde. O plan inclúe tamén un almacenamento enerxético consistente nunha central hidroeléctrica de bombeo e un complexo eólico composto por catro parques con turbinas de última xeración.

A alianza estratéxica de ambas as compañías, que integra toda a cadea de valor, é a aposta máis ambiciosa realizada ata o momento pola descarbonización da economía en Galicia. Grazas a ela, a contorna dispoñería de acceso continuado a enerxía alcanzable e limpa, o cal constitúe unha fortaleza para a captación e asentamento de industrias estratéxicas, a máis diso para fomentar a sustentabilidade e competitividade do tecido produtivo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1740870475769