A produción do queixo San Simón recupérase con datos mellores á aparición da covid-19

TerraChaXa
O Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa fixo público onte o balance de vendas do ano 2021.
feira do queixo san simon vilalba
17 Feb 2022

O Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa fixo público onte o balance de vendas do ano 2021, no que se aprecia unha mellora substancial de produción e de vendas trala caída experimentada no 2020 pola covid-19.

Segundo adiantan dende o organismo oficial, o ano pasado elaboráronse un total de 593.886 quilos, fronte aos 459.788 do ano anterior o que supuxo un crecemento do 29,17%. Este dato compensa a baixada producida no 2020, cando a caída na produción foi do 16,61%.

Ademais, repecto do ano 2019, o último prepandemia, tamén hai un incremento no último exercizo dun total de 7,15% o que supón que o progreso do queixo San Simón recupera a súa tendencia ao crecemento e certifica deste modo a importancia que tivo a irrumpción da covid-19 na comercialización do produto.

Desglosados os datos nos últimos dous anos, foron elaborados un total de 459.339 unidades de queixo grande, fronte ás 356.050 do pasado exercizo. O queixo bufón, máis pequeno, pasou de 140.007 unidades no 202o a 178.059 no seguinte.

Polo tanto, o total de unidades elaboradas vese a evolución clara dende as 496.057 ás 637.398 (490.951/631.565 certificadas).

Por outra banda, o colectivo xa anunciou que están a traballar na recuperación este ano da Feira do Queixo San Simón, que terá lugar, como é tradición, a primeira fin de semana de abril, que este ano coincidirá os días 2 e 3, día de feira mensual tamén na localidade.

A feira levaba xa dous anos sen celebrarse xa que estaba convocada no 2020 cando foi declarada a pandemia e comezou o proceso de cuarentena.

0.17572903633118