A produtora Art Music non seguirá organizando o FIV

TerraChaXa
Art Music anunciou nun comunicado que non organizará a próxima edición do FIV, tras nove nove anos de dedicación ao festival.
Grafica FIV
12 Mar 2021

Art Music non organizará a próxima edición do FIV. "Tras nove anos de dedicación e compromiso co festival, péchase así unha etapa na que a produtora musical galega conseguiu situar a Vilalba no mapa das cidades envorcadas coa música en directo", explican dende a produtora.

Tras case unha década, o FIV converteuse nunha cita imprescindible no calendario de festivais a nivel galego e estatal para gozar do mellor indie pop-rock en vivo. Nomes como Izal, Love of Lesbian, Lori Meyers, Los Planetas, Amaral, Iván Ferreiro, Xoel López, Sidonie, Miss Caffeina, Dorian, Zahara ou The Gift pasaron polo escenario dun festival de mediano formato impregnado dun selo de identidade e calidade único, grazas á calidade técnica e humana tanto dentro como fose do escenario.

Nun comunicado que se pode ler nos perfís de redes sociais de Art Music, a produtora destaca a paixón e compromiso do seu equipo co FIV. “Deixámonos a pel en cada detalle para celebrar un evento con identidade, responsable e confortable”, sinala a misiva na que Art Music quere expresar publicamente o seu agradecemento a todas aquelas persoas coas que compartiu este camiño.

“Estamos eternamente agradecidos a todas as entidades e persoas coas que compartimos este bonito camiño, que sen vós fose imposible. Grazas, tamén, a todas as bandas por facelo tan fácil e por dalo todo en cada directo; aqueles que depositaron a súa confianza en nós para poder levalo acabo; á hostalería e aos comercios do municipio polo compromiso; e ao público por facer que Vilalba convertésese en algo único e máxico ao ritmo do mellor indie estatal unha fin de semana cada ano’’, apunta a produtora no seu comunicado.

Nas últimas edicións o FIV apostou por transformar o evento nun festival aberto a todos os públicos. En impulsar un festival máis aló dos palcos e para todas as idades. Así, nestes últimos anos, o festival ademais de rexistrar sold outs de todas as súas entradas e abonos durante o últimas catro edicións, incorporou talleres, exposicións e conferencias vinculadas ao sector musical e impartidas por grandes profesionais do mesmo, co obxectivo de fomentar o coñecemento da industria cultural entre a cidadanía e converter ao festival nun polo de atracción para o ámbito musical.

Ao longo desta década, o FIV tamén centrou os seus esforzos na relación co territorio, a través da implicación do sector da hostalería e do comercio de proximidade, transformando a cidade nun gran escenario fucsia e vibrante. Tamén prestou atención á creación local, contando coa participación da Banda Municipal de Música, que ao longo destes anos ofreceu fantásticos recitais de versións de temas pop-rock nacional e internacional.

A última edición do FIV celebrada en vivo foi a de 2019, que contou con Los Planetas, Iván Ferreiro, La M.O.D.A ou Miss Caffeina como cabezas de cartel. Na edición de 2020, cancelada o pasado mes de marzo pola situación epidemiolóxica derivada do avance da covid-19, a súa line- up contaba con nomes como Xoel López, Zahara, Novidades Carminha ou Ortiga, entre outros.

Este ano, Art Music non estará á fronte do festival vilalbés, ao que lle desexa que siga cultivando éxitos e facendo as delicias dun público fiel e entregado edición tras edición. Así mesmo, quere reiterar o seu agradecemento ao público, aos artistas, á hostalería e ao comercio local, ás empresas, ás entidades colaboradoras e aos axentes municipais que fixeron posible o FIV cada ano pola súa confianza, complicidade e apoio ao longo de case unha década de traballo que logrou converter a Vilalba no corazón galego do indie.

Grafica FIV_interior
0.086635112762451