A promesa do corredor

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
12 Feb 2023

Noelia Castro Yáñez

Houbo uns días en que os de Burela non podían mandar aos de Foz chorar a Cangas. Foron días convulsos. O sentir colectivo era unha mestura entre mágoa e desolación. Axiña a veciñanza prendeu o maxín e comezaron a abundar as imaxes satíricas nas reds sociais. Aínda non cinco minutos de traxecto convertéronse nun mínimo oitenta, por unha alternativa, cando menos, perigosa. O traxecto convertíase en hora e media se seguiamos o camiño recomendado polo Ministerio de Transportes. Pero todo isto ben seguro o sabedes porque esa fin de semana non houbo outro falar en toda a comarca.

A rapazada aprendeu ese venres o nome da estrada pola que transitaban a miúdo para ir ao colexio. Evidentemente, o corte da N-642 evidenciou unhas carencias históricas das infraestructuras na comarca que son ben coñecidas por todos os mariñáns. Fai vinte anos dun proxecto de vía de alta capacidade Ferrol-San Ciprián, dos cales hai feitos dezaseis, sendo optimistas. Coma cando redondeo a miña estatura a 1,70. Un quinto, ou 16 /80 que poñerían os meus alumnos, aos que lles custa simplificar. Porque coma na vida, custa chegar ao irreducible. Pero é igual de lamentable, dun xeito ou doutro, porque son fraccións equivalentes. Da mesma maneira, as comunicacións son máis que insuficientes nun territorio con potencial. As estudantes apenas teñen transporte viable para as cidades universitarias, e escribo con coñecemento de causa desde a realidade da primeira persoa, en tempos nos que aínda non eran coñecidas aplicacións para compartir coche, vir á casa as fins de semana era unha aventura. O único positivo das case catro horas en autobús foi coñecer aldeas da que si é a Galicia profunda, e non a que pretenden finxir rapazas da Coruña nas súas bolsas de tela rezando “Eu son da Galicia profunda” por comer caldo de grelos embotados algunha vez.

Non é esa a finalidade principal deste texto, pensando nisto e escoitando incontables conversas, case tantas coma o cardinal do infinito decateime de que case todos tratan de buscar culpables, evidentemente na clase política. Pero ese trazado de oitenta quilómetros, depende de dúas institucións distintas, con cadanseu partido político á fronte. E como dicía a avoa, uns por outros a casa sen varrer. Lonxe de falar de política, no que estou de acordo é que é moi sucia. Unha das profesións nas que continuamente se mestura o persoal co profesional. Na taberna cando se aproximaban as eleccións municipais sempre se escoitaba, que nestas, se vota á persoa e non ao partido. Claro exemplo do que estou a falar. Canto da nosa personalidade empregamos no traballo? Marcamos a nosa impronta persoal acotío no eido laboral.

Atopamos claros contraexemplos de que non se trata dunha relación recíproca. Ser unha boa persoa, non implica ser un bo profesional, eso puxo hoxe de manifesto a miña alumna C. cando trataba de explicarme a súa relación de animadversión cunha asignatura por mor dunha moi boa persoa, pero ao seu criterio, mala transmitindo esos coñecementos que son a súa paixón. Neste caso, para gustos as cores, e ben seguro para outros alumnos é a profesora preferida. Pero todos coñecemos a boas persoas exercendo de maneira pésima as súas profesións. Pero coñecemos bos profesionais que sexan malas persoas? É ben certo que isto non pode ocorrer no ámbito sanitario nin no educativo, nin toda aquela profesión que implique trato persoal, porque a empatía debe reinar. Pero ocorre, malia que non debera. Porque hai de todo na viña do Señor. Eu son a primeira que non quero políticos que me caian mal, que obren en supremacía pensando no beneficio propio, pero tampouco un carniceiro envexoso, nin unha libreira entrometida.

Tratemos de ser ambas cousas, bos nos dous lados, na casa e na empresa, para que semelle que é unha estrada biunívoca, que sempre poidamos transitar Burela-Cangas sen pasar por Rúa.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.11484098434448