A provincia desactivará a alerta de calor trala vaga dos últimos días

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta informa que, na xornada de mañá, se desactivará en toda a comunidade a alerta por vaga de calor, iniciada o pasado día 8 de xullo.
temperatura termometro calor
18 Xul 2022

A Xunta de Galicia, a través do Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa que, na xornada de mañá, se desactivará en toda a comunidade a alerta por vaga de calor, iniciada o pasado día 8 de xullo.

Neste senso, na xornada de hoxe soamente as zonas do Centro, Montaña e Sur de Lugo; e as de Montaña, Valdeorras e Sur de Ourense; permanecen no nivel 1 de alerta por vaga de calor. O resto zonas, xa contarán desde hoxe con temperaturas normais para esta tempada do ano.

Segundo as previsións, o episodio de alerta extrema por calor, finalizará no conxunto da comunidade, incluídas tamén as áreas de Lugo e Ourense.

As zonas de aviso que permanecen hoxe en alerta, todas elas con nivel 1, abranguen aos seguintes concellos:

  • Centro de Lugo (Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba, Xermade) Nivel 1
  • Montaña de Lugo (Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela) Nivel 1
  • Sur de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober, Taboada) Nivel 1

MeteoGalicia informa que a masa de aire cálida de orixe norteafricana seguirá movéndose durante o día de hoxe cara ao leste sendo substituída por masas de aire de orixe atlántica, máis frescas e húmidas.

Este proceso comezou xa durante a fin de semana, na que as zonas costeiras de Pontevedra e A Coruña experimentaron un importante descenso de temperatura. Este descenso irase producindo hoxe en moitas outras comarcas do interior, quedando soamente valores moi elevados no leste de Ourense e Lugo. Mañá martes chegará tamén a estas comarcas o aire atlántico, polo que toda Galicia quedará por debaixo dos umbrais de temperatura extrema, finalizando o episodio de vaga de calor que comezou o pasado venres día 8.

Recomendacións

Dende a Consellería de Sanidade se quere, así mesmo, lembrar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor.

Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a vinte.

Aínda que estas recomendacións son para a poboación en xeral, terase que extremar a precaución nas persoas con risco de ter mais episodios adversos relacionados coa calor, como son os nenos e nenas menores de cinco anos, as persoas de idades avanzadas e as persoas con enfermidades crónicas: cardiocirculatorias, respiratorias, renais, mentais, diabetes, hipertensión arterial e obesidade.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

0.045367002487183