A provincia pecha unha semana sen dobregar os casos activos de coronavirus
Os casos activos de coronavirus na provincia seguen baixando en relación a hai unha semana pero continúa subindo o número de positivos detectados nas últimas horas. De feito, son 30 os casos novos detectados nas útlimas 24 que fan que agora mesmo na provincia figuran 475 casos activos, 19 menos que hai unha semana.
Este dato deixa os casos acumulados na provincia en 3.504 e deles, 2.937 xa superaron a enfermidade e foron dados de alta, 134 máis que hai unha semana. En total foron detectados nunha semana 138 casos novos nos últimos sete días con subidas e baixadas no número de casos cada 24 horas, entre 40 e 10 cada día, como máximo e mínimo.
Tamén houbo que lamentar unha nova víctima esta semana, concretamente o día 15, tras dez días sen defuncións.
No tocante ás hospitalizacións, estas descenden. Continúan 5 na UCI do Hula pero en planta hai 19, cando unha semana atrás estaban contabilizadas 26, cun enfermo na Mariña, outro en Monforte e un máis no Polusa. O resto están en Lugo.
As medidas non faltaron debido á situación e endurecéronse algunhas delas debido á contante aparición de pequenos gromos vinculados a reunións familiares ou festas.
De feito, a situación foi empeorando nos últimos días e varios concellos pasaron a estar en alerta amarela: Friol, Baleira Monforte e Viveiro, mentres que Lugo pasou a estar en laranxa.
Quedan limitadas as reunións familiares e se endurecen as multas por botellóns e reunións sen respectar as normas sanitarias.
GALICIA
En Galicia, os contaxios da covid-19 repuntaron nas últimas 24 horas con 346 positivos confirmados por PCR, con maior incidencia en Ourense, Vigo e Santiago. A área sanitaria da Coruña rexistrou 57 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; 31 na de Pontevedra; 30 na de Lugo e 19 na de Ferrol. Os casos activos en Galicia aumentaron con respecto ao xoves en 111 e sitúanse en 4.680, con incrementos en todas as áreas, salvo na de Pontevedra.
Ata a data curáronse en Galicia 22.788 persoas, o que supón 238 máis que as contabilizadas o xoves. A comunidade galega rexistrou ata a data o falecemento de 808 persoas con covid-19.