A provincia volve rexistrar un descenso de casos e de novos contaxios
A provincia volveu rexistrar hoxe unha baixada de casos activos de coronavirus. Un total de 39 casos menos que fan baixar a cifra total a 855 casos. Aínda así contabilizáronse 25 casos novos nas últimas 24 horas.
Continúa aumentando a presión hospitalaria con tres persoas máis o fai un total de 69, 4 deles na UCI do Hula cando onte era un menos. Neste menos hospital están en planta 44, 17 no Polusa, tres en Monforte e 1 na Mariña.
Tamén houbo que sumar tres persoas falecidas máis nas últimas 24 horas, novamente persoas maiores, unha delas que estaba no Polusa ingresado e a outra un maior da residencia de Outeiro de Rei. Deste xeito a cifra ascende a 57. Ás que tamén se poden sumar as 1.737 altas das últimas 24 horas (22 máis) para chegar as 2.649 casos acumulados na provincia ata a data. En Lugo os afectados seguen a ser 249 con 7 positivos novos e 33 altas.
Mentres tanto, a situación segue preocupando na residencia de Outeiro de Rei e o Incio, de onde son a gran maioría dos hospitalizados e sobre todo os falecidos nesta segunda onda. Así mesmo ábrense outros gromos, como o da Mariña, onde deron positivo 11 persoas en Lourenzá e 6 en Xove, ademais de 5 contaxiados dentro da propia área de traumatoloxía.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.361 deles 1.403 son da área da Coruña, 855 da de Lugo, 463 da de Ourense, 413 da de Pontevedra, 364 da área de Vigo, 689 da de Santiago, e 174 da de Ferrol. Son só tres casos máis no cómputo global, axudados polas 236 altas que se deron e que axudan a manter a porcentaxe de enfermos controlados malia que se produxeeran 239 novos contaxiados nas últimas 24 horas. A Coruña, Lugo e Ferrol experimentaron baixas e o resto subiron.
Do total de pacientes positivos, 26 están en UCI (1 máis), 201 en unidades de hospitalización (17 máis) e 4.134 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 14.670 persoas curadas, rexistrándose 676 falecementos (4 máis).
Os datos das residencias indican que xa son 263 (tres máis) os usuarios de centros galegos afectados e 85 os profesionais (2 menos).
RESIDENCIAS
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou a posta en marcha de novas medidas en centros residenciais acordadas polo comité clínico de expertos para seguir facendo fronte a pandemia, e entre as que destacou un protocolo para regular as visitas aos usuarios de residencias en zonas afectadas pola covid para reducir o impacto do confinamento.
O documento establece o límite das visitas a unha persoa por residente, cunha duración máxima dunha hora ao día e extremando as medidas de prevención.Para realizar as visitas deberá solicitarse cita previa, os visitantes deberán estar no centro con antelación e se lles realizará unha avaliación para detectar posibles síntomas. Ademais, deberán desinfectar mans, respectar distancias e usar máscara.
Así mesmo, e se é posible, a visita terá lugar nun lugar aberto axardinado. E cando non, habilitarase unha sala específica cerca da entrada, ventilada con aire exterior e con circuítos de entrada e saída.
Nesta liña, Feijóo subliñou que este protocolo tamén recolle que as persoas con discapacidade que realizan habitualmente saídas durante a fin de semana ao domicilio familiar poidan seguir facéndoo, realizándoselles un test cando volvan ao centro.
Nesta liña, permitirase a presenza dos familiares e as especiais necesidades do paciente naqueles casos nos que, desgrazadamente, se atopen ao final das súas vidas e cun desenlace inminente.
O presidente da Xunta confirmou ademais que o comité clínico está a traballar na elaboración dunhas instrucións para poder manter abertos os centros de día, aínda nos casos en que estean en zonas con restricións, sempre de acordo cun protocolo que entrará en vigor na próxima semana.
Por outra banda, e tamén ao respecto das residencias, destacou o establecemento dun plan de inspección conxunta entre Sanidade e Política Social para inspeccionar todas as residencias da terceira idade, comezando polas que teñen máis de 100 internos.
Feijóo referiuse tamén á posta en marcha de cribados constantes entre o persoal dos centros sociosanitarios. Así, cada 15 días faranse un cribado das 15.000 traballadores que están nas residencias e centros de discapacidade, é dicir, ao 100% do persoal. Adicionalmente, levarase a cabo unha mostraxe aleatoria entre os usuarios das 300 residencias de Galicia, para unha vez máis anticiparse e detectar posibles incidencias antes de que se produzan síntomas.
NOVAS MEDIDAS
O Diario Oficial de Galicia establece que os locais de ocio nocturno poderán reabrir ao público as súas terrazas ao aire libre.
A reapertura deberá levarse a cabo nas mesmas condicións e cumprindo as medidas de hixiene e prevención fixadas para as terrazas dos establecementos de restauración e hostalaría, do mesmo xeito que ocorreu durante o proceso de desescalada. Desta forma, o aforo máximo será do 75% e só se poderá realizar o consumo e o servizo en mesa, sen posibilidade de instalación de barras para os clientes da terraza.
Ademais, deberá cumprirse a distancia de seguridade entre mesas, que contarán cunha ocupación máxima de 10 persoas por mesa. Ao igual que nos establecementos de hostalaría e restauración, as terrazas dos locais de ocio nocturno terán que pechar non máis tarde das 01.00 horas, sen que poida permitirse o acceso a ningún cliente desde as 00.00 horas.
Cómpre lembrar que o peche dos establecementos de ocio nocturno é unha medida que se tomou para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, para conter o avance da pandemia e primando a seguridade sanitaria.