A próxima semana comezará o pago anticipado das axudas da PAC

TerraChaXa
Galicia comezará co pago dos anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á campaña 2020-2021.
21 Oct 2020

Galicia comezará co pago dos anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á campaña 2020-2021. Así, a semana que vén o Fondo Galgo de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, transferirá preto de 38 millóns de euros en concepto de anticipo a máis de 21.300 gandeiros e agricultores galegos.
Así, por segunda vez neste período de programación da PAC, o Fogga realizará o pago de anticipos tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. Así, a Consellería efectuará o pago do 70% da axuda total, o máximo establecido pola Comisión Europea, a dúas semanas de comezar o período oficial de pagamento.
En concreto, as liñas de axuda que se aboarán son as de vacas nutrices, con 10,5 millóns de euros que beneficiará a máis de 13.000 agricultores e gandeiros, e de vacún de leite, con 27,3 millóns de euros e máis de 8.000 beneficiarios. Uns pagos que permitirán dar liquidez ás explotacións gandeiras galegas.
Ademais, no mes de decembro prevese realizar un novo pago, de forma que no ano 2020 en Galicia se alcance o obxectivo de importes superiores a 140 millóns, beneficiando así a máis de 26.000 solicitantes.
Convenio coas entidades financeiras
Ademais, cabe sinalar que un total de 1.852 gandeiros e agricultores galegos solicitaron a axuda de mínimis do anticipo da PAC ao abeiro do convenio de colaboración entre a Xunta e diferentes entidades financeiras por un importe superior aos 225.500 euros.
Este acordo, subscrito o pasado mes de maio, permitiu abrir unha liña de préstamos a interese cero co fin de que os agricultores e gandeiros galegos puideran percibir o anticipo das axudas da PAC xa o verán. Ditas solicitudes foron tramitadas nas entidades participantes de Abanca, Caixa Rural Galega, Sabadell, Santander e CaixaBank.
Esta medida formou parte do Plan de liquidez posto en marcha en maio pola Xunta para anticipar o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria, entre elas as da PAC.

0.12259697914124