A RAGC e a USC renden homenaxe ao matemático guitiricense Luis A. Cordero Rego
Académico da RAGC e catedrático de Xeometría e Topoloxía da USC, os resultados das súas investigacións e publicacións seguen a ser referentes no campo das matemáticas.
A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidade de Santiago celebraron un acto in memoriam do profesor Luis A. Cordero Rego, natural de Guitiriz, falecido o pasado ano. Era académico numerario da RAGC desde 1979 e catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago.
Na presentación do evento, que tivo lugar na facultade de Matemáticas da USC, estiveron, ademais da familia do homenaxeado, o presidente da RAGC, Juan Lema; a decana de Matemáticas, Elena Vázquez; e o director do Departamento de Matemáticas da USC, Antonio Gómez. No transcurso do mesmo participaron Juan J. Nieto, catedrático de Análise Matemática da USC e académico da RAGC; Manuel de León, profesor de investigacion no Instittuto de Ciencias Matemáticas do CSIC e académico correspondente da RAGC; e Eduardo García, catedrático de Xeometría e Topoloxía da USC.
Manuel de León traballou durante varios anos moi de preto co homenaxeado, foi profesor seu de matemáticas na Universidade de Santiago, axudouno coa súa tese de doutoramento e mesmo escribiron moitos artigos e algún libro xuntos. Salientou del que era “unha persoa metódica, moi constante e ordenado no seu traballo, ademais de moi cercano. Del aprendín que é igual que sexas un bolseiro ou un catedrático, todos debemos traballar igual e tratar a todo o mundo ao mesmo nivel”. Puxo de relevo ademais que “era moi bo matemático, estaba ao día do que se facía no mundo. Así, no eido da investigación, algúns dos traballos que realizou como investigación básica, co tempo foise vendo que tiñan unha aplicación directa”. En 1988 publicaron xuntos, en colaboración co profesor Kit Dodson, o libro Differential Geometry of Frame Bundles, editado en Holanda.
Realizou “contribucións sobresaíntes” no eido da matemáticas
Pola súa parte, o profesor Eduardo García fixo un percorrido pola traxectoria profesional do homenaxeado. Lembrou que Cordero presentou a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago no ano 1971, dedicada ao estudo das foliacións, un campo emerxente na época no ámbito da xeometría diferencial. Tal como explicou, “unha foliación é unha descomposición dun espazo noutros de dimensión máis baixa de forma análoga a como as distintas follas dun follado dan forma á súa masa. A pesar da aparente simplicidade destas estruturas, trátase dun campo dunha gran complexidade”.
García destacou que o profesor Cordero realizou “contribucións sobresaíntes” no eido da matemáticas. Os resultados dos seus traballos foron publicados en prestixiosas revistas científicas como Mathematische Annalen, Annales de L’Institut Fourier, Proceedings of the American Mathematical Society, Journal de Mathématiques Pures et Appliquées, Topology ou Transactions of the American Mathematical Society. E seguen a ser unha referencia básica nos nosos días.
Ademais, o homenaxeado foi investigador principal de numerosos proxectos de investigación tanto nacionais como internacionais e dirixiu multitude de teses de doutoramento nas universidades de Santiago de Compostela, La Laguna, Zaragoza, País Vasco e no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).
Na súa calidade de profesor universitario, a súa preocupación pola docencia levouno a colaborar na elaboración do libro “Geometría diferencial de curvas y superficies con Mathematica”, no que por primeira vez se abordaba a exposición dun curso avanzado de curvas e superficies co apoio de programas de cálculo simbólico. “Este texto científico, publicado en 1995, supuxo sen dúbida un avance extraordinario na formulación da docencia da xeometría diferencial e continúa a ser referencia en todas as universidades de fala hispana” -remarcou o profesor Eduardo García-.